Blog da Biblioteca do IES de Curtis: 1/5/11 - 1/6/11

28/5/11

Unha película da nosa Biblioteca que retrata a nosa xeración

Tamén ten que haber un tempo para a tristeza...


Pero sempre estarán as amigas, os amigos..., el presente, la esperanza.

Doentes: unha historia de perdedores...

  
  Este  mes estreouse no Festival de Cans do Porriño o filme Doentes, baseado nunha obra homónima de Roberto Vidal Bolaño.

  "Doentes foi producida por Filmanova e ZircoZine. Trátase dunha adaptación da obra teatral homónima de Roberto Vidal Bolaño e localízase na noite na que se pechou o Hospital Real de Compostela para convertelo en Parador Nacional. Nesa noite trepidante, chea de sorpresas e verdades inconfesables, atopámonos coa historia de Valeriano e Cañete, dous perdedores, dous personaxes marcados que se complementan e retroalimentan nun escenario único, a Compostela dos anos cincuenta"
                            
Cluster do Audiovisual


Aquí podes consultar a súa ficha técnica e artística.

Tráiler do filme

26/5/11

PINTANDO COAS PALABRAS



Nestes últimos días de maio remata a actividade que desde o mes de novembro vimos realizando, a través do  Equipo de Biblioteca, sobre a figura de Luis Seoane.
Despois dunha visita á Exposición Cen por Cen Seoane, do traballo cun cuestionario sobre a mesma e dunha exposición elaborada con laminas que recollen traballos do autor, expoñemos, para rematar, o traballo final do alumnado da ESO: en grupos, e tomando como punto de partida, unha ou varias obras do polifacético artista , elaboránrose textos de distinto tipo, co obxecto de favorecer a creación e a expresión escrita. O resultado atópase no corredor que da acceso á nosa Biblioteca Sarmiento.

25/5/11

Amália Rodrigues: poeta tamén

 
 
"Lágrima". 
Autora: Amália Rodrigues.

Cheia de penas me deito
E com mais penas me levanto
Já me ficou no meu peito
O jeito de te querer tanto

Tenho por meu desespero
Dentro de mim o castigo
Eu digo que não te quero
E de noite sonho contigo

Se considero que um dia hei-de morrer
No desespero que tenho de te não ver
Estendo o meu xaile no chão
E deixo-me adormecer

Se eu soubesse que morrendo
Tu me havias de chorar
Por uma lágrima tua
Que alegria me deixaria matar

A voz, a poesía, o xesto:  Amália Rodrigues. 
 
 

22/5/11

Agustín Fernández Paz


Non hai noite tan longa é a última novela publicada por  Agustín Fernández Paz.

Sinopse 

Gabriel Lamas ten cincuenta anos e vive en París desde 1970. Aos dezaoito anos marchou de Monteverde, a súa vila natal, e nunca máis volveu. Nin sequera cando morreu o seu pai, inxustamente acusado dun delito polo que foi condenado e encarcerado, nun proceso que provocou a súa morte, en 1972. Só trinta e dous anos despois, o falecemento da súa nai é o que o forza a regresar. Entón, comprobará que nunca podemos fuxir do noso pasado e que as feridas mal curadas non deixan de supurar.

Editorial Xerais
O autor dixo

Esta novela é dalgún xeito un retrato da miña xeración. Chega unha idade na que tes a necesidade de botar a vista atrás e ver como foron as cousas, como te foi levando a vida a facer determinadas cousas. Cando morreu Franco eu tiña 28 anos. 28 anos da miña vida marcounos o franquismo, pero máis que o réxime político, foi o modo de vida e a ausencia de pautas culturais que nos tocou vivir. Canda fala iso cos meus alumnos custáballes entendelo. Moitos dos autores aos que facíamos referencia na clase son autores que eu debera ter lido na mocidade, pero non puiden: Camus, Beckett, Neruda, Alberti ou Castelao. No cine pasoume igual, eu sabía de memoria a filmografía de Godard polas revistas de cine que lía, pero hai películas que aínda estou ven do agora por vez primeira. Para os que viviron o franquismo con pracidez era normal, pero para os que tiñamos sede de cultura era unha estafa tremenda. A miseria moral e o atraso son vivencias xeracionais. O drama en materia de relacions afectivas marcou a toda unha xeración.
04/05/2011 - Jaureguizar / El Progreso (Lugo)
 
 
Pódese descargar aquí o primeiro capítulo de Non hai noite tan longa .

18/5/11

Mouseland: terra de ratos

Mouseland, unha fábula política contada en primeiro lugar por Clarence Gills e difundida por Tommy Douglas, prominente activista e político, elixido en 2004 como "O canadense máis grande de todos os tempos". Recoñecido como pai do paso do sistema de saúde canadense ao modelo de Asistencia Sanitaria Universal.


17/5/11

17 de maio: Vento Lois

Deixamos hoxe aquí dúas presentacións elaboradas por dous alumnos do noso instituto, Óscar Cajide e Alberto Rivadulla, centradas na figura do autor de Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995).



10/5/11

Vento Lois

   
          TRANSMIGRACIÓN

Esta enerxía xa non vai ter fin
non foi creada nin será destruída.
Irá ocupando diferentes vidas,
transformándose en emocións alleas
situadas noutros corpos paralelos,
en simultáneas procesións
sen pausa.
Nun cálido universo apaixonado
voume dosificando con usura,
ata que chegue a hora de voltar,
canso e feliz,
ó punto de partida.

           Lois Pereiro: Poesía última de amor e enfermidade (1995)

8/5/11

VENTO LOIS


Poema a Ánxel Fole



E líquidos telúricos, a terra

que se soña a si mesma e se fai 

lenda.

O murmurio invernal

o vran no voo das vésporas ó sol 

e o lume coa viciosa liturxia do candil 

sombras letais 

na quente perspectiva das lareiras 

cerimonia das intrigas da infancia 

Algo para crer algo auto de fé.

Terra e máis terra brava brava 

mais maina e cruel 

violenta, visceral,

secreta, infame, inmemorial, 

amada, fole, a terra 

anxel, fole e a morte

a morte anxel a morte 

en ti 

the end.


                                            PEREIRO, Lois: Poemas 1981/1991. 
                                                                Compostela, Positivas, 2010 ( 2ª ed.)









.

7/5/11

Un novo libro na nosa Biblioteca

06.05.2011 Xaime Toxo debuta nas letras galegas cunha obra sobre "o mapa do fracaso dunha xeración" que podreceu no tardofranquismo

    VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO
    Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir

    Xaime Toxo, onte en Compostela, antes da presentación do libro FOTO: antonio hernández
    Xaime Toxo, onte en Compostela, antes da presentación do libro
    FOTO: antonio hernández

    O escritor e pedagogo Xaime Toxo retrata na súa primeira obra, As palabras que move o mar ,"o mapa do fracaso dunha xeración", as feridas dunha sociedade que "podrecía" no tardofranquismo. O autor reúne catro relatos, tinguidos de autobiografía e inseridos como un crebacabezas literario, coa "memoria, o mar e a vida das vilas mariñeiras" na Galicia de mediados dos anos 70 como nexo de unión. A crítica e os lectores están a darlle moitas alegrías a Xaime Toxo (Bueu, 1955) que onte presentou na Feira do Libro de Santiago a súa ópera prima, editado por Xerais.

    Os recordos, a memoria dos protagonistas do libro convértense en algo "presente, activo e dinámico", explica o autor. Os tres primeiros relatos de As palabras que move o mar gardan unha relación espacial e temporal, ao situarse nos anos do movemento estudantil que estourou en Galicia durante a ditadura.

    No primeiro relato, O alento das pedras, o autor utiliza o recurso do neno que foxe da realidade inventando unha fantasía. Berta recrea deste xeito a outra vida que podería levar seu pai na cidade. "Na aldea, o seu pai estaba condenado ao fracaso económico. A nena resolve a súa identificación co seu pai a través dunha historia máxica", comenta o autor. Unha das pegadas autobiográficas está neste relato: "Como Berta, eu tamén de neno coleccionaba pedras, pintábaas e escribía nelas", asegura Toxo, que preside o Ateneo de Pontevedra.

    O segundo dos relatos, Cartografías, supón unha incursión do autor na Revoluçao portuguesa, que separa os destinos da parella protagonista logo de atoparse na Compostela universitaria. "Para a miña xeración foi unha auténtica revolución interior. Os dous protagonistas toman camiños distintos: é a súa maneira de compartir un momento histórico no que un deles se implica totalmente e atopa a razón da súa vida participando nesa Revolución mentres que outro distánciase, toma o camiño dunha viaxe interior, o da liberdade persoal", explica Toxo.

    O terceiro relato, A casa dos alicerces mariños, traslada o lector a un territorio devastador, o do fracaso dunha xeración que viviu o cambio político en Galicia e España como leitmotiv da súa vida. "Neste relato está concentrado o que eu identifico como o gran fracaso dunha xeración. Por unha banda, está o fracaso das utopías políticas: hai un personaxe que se sitúa fóra desas utopías e intenta convencer ao seu amigo que tamén o faga. Por outra banda, está o fracaso de parte desa xeración que se refuxiou nos paraísos artificiais, a chegada das drogas duras á nosa vida. Son fracasos humanos e persoais, sen saída, que conclúe coa morte dun fillo deles como colofón a unha vida que non deixou nunca de maltratalos", explica Toxo.

    Só o último texto, titulado Escuro é o rostro da memoria rompe a unidade espacial e temporal do libro. A vivencia dun peón de xadrez na ditadura instaurada por Pinochet en Chile funciona, segundo o autor, como un "resumo" da vida de todos os protagonistas do libro. "Quixen utilizar a idea do xogo, no que inflúe tanto a sorte como o destino. Non podemos evitar ser peóns dun certo destino que nos vai marcando ao longo da nosa vida. Está contextualizado no Golpe de Estado de Pinochet contra Allende en Chile, que foi un dos grandes revulsivos que viviu a miña xeración na súa militancia en contra do fascismo", explica o autor.

    Homenaxes á literatura: Eliot, Méndez Ferrín e Neruda

    O libro tamén representa, segundo o autor, unha homenaxe á literatura. "Eu formo parte dun grupo xeracional que lle daba moita importancia aos libros. Fomos todos grandes lectores. No terceiro relato hai o xogo das retesías literarias no que os protagonistas len fragmentos de libros e intentan adiviñar a cal pertence. Ésa é unha homenaxe á literatura. Aí aparecen dous autores: T. S. Eliot e Méndez Ferrín", explica o autor. Do mesmo xeito, no texto final, un dos represores da ditadura mira cada día o xornal agardando que titulen: "Morreu o poeta comunista Pablo Neruda".

    O autor xa está a traballar en novos relatos para o seu próximo libro. Textos nos que varía a temática e a súa estrutura. "As miñas novas historias xa non son tan autobiográficas e xeracionais como as de As palabras que move o mar. Os relatos falan sobre o estrañamento, a desaparición, a individualidade, emprender camiños novos e distintos dentro de procesos vitais que implican descubertas, como a relación entre pais e fillos ou o humor e a ironía como a clave para gardar distancias coa realidade que nos está esmagando", avanza Toxo sobre os seus proxectos.

    "NARRATIVA POÉTICA"

    "Intentei recuperar o galego que se falaba en Bueu cando era neno"

    O emprego da linguaxe en As palabras que move o mar desvela a minuciosidade do traballo do autor. "O relato esíxeche moita concreción e concisión. Non podes divagar moito nun relato, senón que necesitas unha síntese moi precisa, é algo que impón o propio xénero do relato", remarca Xaime Toxo.

    Do mesmo xeito, o vocabulario escollido remite ao léxico mariñeiro das vilas costeiras onde se localizan as diferentes historias da obra. "Eu veño de Bueu. Cando era neno, alí falábase moitísimo galego e había moita riqueza de léxico mariñeiro. Hoxe, esas vilas son máis urbanas e perdeuse moito galego. Por iso, neste libro intento recuperar tanto ese galego como unha certa narrativa poética e unha conversa íntima", explica o escritor. Para o autor outra das pezas esenciais do libro é a amizade. "Os protagonistas medraron xuntos e sempre se están ensarillando os uns aos outros para narrarse a eles mesmos. Buscan momentos de intimidade moi fortes para contar as súas feridas, as súas alegrías, os seus pensamentos", engade o narrador.

    Toxo é mestre especialista en atención escolar a alumnos con cegueira e discapacidae visual. Fundou a Asociación Liboreiro de Bueu en 1974 mais foi membro na súa etapa universitaria en Compostela das asociacións culturais O Galo e O Eixo. Recibiu o primeiro premio de narración Manuel Murguía en 2004, o primeiro galadón do certame de relatos do Concello de Paradela en 2002 e recibiu un accésit no premio Modesto R. Figueiredo no 2002.

    Comparte en Tuenti Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo
    Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir
    Atrás

    5/5/11

    Vento Lois



    (Ausencia ou presencia non alteran

    a distancia do espírito,

    que xa internou nela.

    E os elementos das novas tecnoloxías

    van elaborando os nosos afectos...)




    X



    Tristemente convivo coa túa ausencia

    sobrevivo á distancia que nos nega

    mentres bordeo a fronteira entre dous mundos

    sen decidir cal deles pode darme

    a calma que me esixo para amarte

    sen sufrir pola túa indiferencia

    a miña retirada preventiva

    dunha batalla que xa sei perdida

    resolto a non entrar xamais en ti

    pero non á tortura de evitarte.

    xullo, 95

                                 
                         PEREIRO, Lois: Poesía última de amor e             enfermidade                            











    4/5/11

    Vento Lois


    ¿ QUE É GALICIA ?

    Galicia... data
    Run...

    A. Auga. Aire. A Amnesia do vencido, a Atracción do Abismo, a Árbore xunta á Árbore, e a alegría do espazo circundante. A alma é o Atlántico e é o cantil o corpo da súa chamada Atroz.

    B. Barroco: a Beleza usual feita materia en pedra no Bordo do Bosque omnipresente.

    C. Calma. Castelao, Curros, Cunqueiro, Cultura, Celebración e Culpa: unha conciencia Céltica do Cosmos.

    D. Difícil definir esa Dor, Dobregar o Destino, conseguir que o Desexo nos siga sendo útil. (Diluvia)

    E. Espiral no Espazo Esférico. Emigración: Estímulo do noso Exilio interior que nos leva polo leste cara a Europa, polo mar cara ao Éxito e cara á Enfermidade, e sempre cara ao Eterno Extrañamento do Espírito.

    F. Fogo de Fogar. Fantasía. Fábricas, Febre e Formas do Futuro, Figuras do pasado. O Fenómeno atmosférico da Felicidade, e todas as Festas do mañá...

    G. Gráficas do Granito, auga e silencio, onde transborda a alma da Gulfstream. O xemir das Gaitas, e no carácter esa amable presenza da Graxa.

    H. Historia: Herbicida o esquecemento. A Humidade, o "Horror vacui" e a Humildade impídennos converter a Historia en Heroísmo. Nosa Herdade adestrada na fuxida, coa sabedoría das feridas vellas, por nosas propias mans soamente vencidos.

    I. Ironía: arte de converter o Inferno nun conto de Inverno.

    J. Son oriental. Rotundidade sureña.

    K. Kilowatios por terra mergullada.

    L. Loito: manchas na paisaxe, bólas negras sobre o tapete verde.

    M. Lega Mortos o Misterio da Música, pero o Miño vaise levando ese Misterio ao Mar.

    N. Norte. Noite. Néboa. Negro: materia poética nacional.

    Ñ. Nh/ gn/ ñ.

    O. Oeste: "Galicia atende e obedece á chamada do Oeste" (R. Otero Pedrayo). Tantos séculos de Ofensas e de Esquecemento crean anticorpos no Organismo dun pobo, e esa continua Ofensa da historia xerará no Orgullo deste pobo apracible o destrutivo Osíxeno do Odio, a Obsesión do fracaso e da culpa.

    P. Poesía. Patria. Paixón. Perigo de extinción, perdidos en nosa propia Pureza, da necesidade de ser un Pobo. A nosa indiferenza alimentará o Proceso de autoxenocidio que vivimos. Paisaxes dispersas, aliñados entre os Perfís do Pasado, coa Presenza dunha vexetal sensación de eternidade. Paixón e Poses "punk", reflexos Postmodernos e altas horas nos diques urbáns da noite.

    Q. Química da dor Quintaesencia do medo. Aí, pegado a min, quen ri?

    R. Río: o Rumor da vida, a Relixión das augas. As Risas xorden sempre onde Reina a calma, na quietud profunda de quen coñece o Risco e domínao. Rural: corre sangue Rural por estas veas; e se algunha vez a Razón opón Resistencia, recoñécese o galego na terra, na lenta vitalidade da árbore, na invencible Resignación da herba.

    S. O Son da Soidade e o Silencio. O Salvaxe Sarcasmo dos Soños do presente, e a Silente atracción polo Suicidio: o Sil. O Miño é o noso Sangue, o Sil a súa Sombra. Serenos e Sombríos, finalmente transcende o Sorriso astuto.

    T. Terra. E o Tempo, e o Trastorno e as súas Tebras. A Tradición dunha triste Tenrura. A Terra é o principio, e todo existe nela e para ela.

    U. Utopía: compaxinar o desexo e a necesidade dos nosos soños.

    V. Vacas en Vales mollados, e a férrea Vontade dos Vellos encadeados á terra, co Vicio do seu fatalismo escéptico. Verde. Verde e máis Verde sobre outros Verdes, e por detrás: Verde.

    W. Whisky: noite urbana. Galicia é Wagneriana, ou é máis ben un Wolfgang Amadeus enfermo de paisaxe, soñando con Sibelius?.

    X. 25 de Xullo.

    Y. e

    Z. Fin
    Guión televisivo de Lois Pereiro emitido pola TVG (25-07-1998)

    3/5/11

    Vento Lois


    (Pouco antes de morrer, Raymond Carver
    escribiu o inicio dun poema:
    “¿E conseguiches o que
    querías desta vida?
    Conseguino, si.
    ¿E que querías?
    Considerarme amado, sentirme
    amado na terra”

    Eu tamén podería dicir o mesmo...)


                                        PEREIRO, Lois: Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995
                                      Santiago de Compostela, Positivas, 2010 (3ª edición)               

    1/5/11

    Correlingua 2011


    A edición 2011 do Correlingua contará con 45.000 participantes, 5.000 máis do que no pasado ano, segundo as previsións da organización. As carreiras transcorrerán por quince localidades  entre os vindeiros 2 e 13 de maio, comezando en Compostela e rematando en Ourense. O IES de Curtis participará na da Coruña, que terá lugar o próximo mércores 4 de maio.

    O Correlingua 2011 incorpora importantes novidades para dinamizar o galego nos centros de ensino ao longo do ano como concursos de vídeo sobre lingua, de karaoke mediante as cancións do Galeoke, de elaboración do manifesto do Correlingua e de banda deseñada. Tamén o Cantalingua, dirixido a grupos musicais.

    Toda a información na páxina www.correlingua.org

    1º de maio - Día Internacional dos Traballadores

    O 1° de maio de 1886 a folga pola xornada de oito horas estalou de costa á costa dos Estados Unidos. Máis de cinco mil fábricas foron paralizadas e 340.000 obreiros saíron a rúas e prazas a manifestar a súa esixencia. En Chicago os sucesos tomaron rapidamente un sesgo violento, que culminou na masacre da praza Haymarket (4 de maio) e no posterior xuízo amañado contra os dirixentes anarquistas e socialistas desa cidade, catro dos cales foron aforcados un ano e medio despois.

    Cando os mártires de Chicago subían ao cadalso, concluía a fase máis dramática da presión das masas asalariadas (en Europa e América) por limitar a xornada de traballo. Foi unha loita que durou décadas e cuxa historia foi esquecida, ocultada ou limpada de todo contido social, ata o punto de transformar nalgúns países o 1.° de maio en mero “festivo” ou nun día franco máis. Pero só tendo presente o que ocorreu, adquire total significación a data designada desde entón como “Día Internacional dos Traballadores”.

    Manifesto en favor da Lectura - Rosa Regás.


    Ao redor da lectura

    A cultura cambia as nosas vidas, fainos máis
    felices e mellores e abre ante nós todo un
    mundo de posibilidades. Por suposto non a cultura
    entendida como acto mediático, senón como transmisión
    de coñecementos. Así é como progresa a
    sociedade.


    A economía, a riqueza, o diñeiro fannos máis
    ricos pero non mellores, nin máis lúcidos, nin máis loitadores,
    nin máis solidarios. O diñeiro converte unha
    sociedade pobre nunha sociedade opulenta, ou polo menos
    parte dela, pero non mellor.


    Por iso é polo que a lectura que constitúe unha das
    grandes armas da cultura, ademais de ser unha
    fonte inesgotable de pracer porque pon en marcha
    as nosas facultades mentais, como a fantasía, a
    memoria, a experiencia ou a intelixencia, sexa un
    dos elementos máis importantes para que a
    cultura chegue ao interior das nosas conciencias.


    Calquera coñecemento entrará máis profundamente
    na nosa mente se atopa un terreo abonado,
    é dicir, se atopa esa mente preparada e aberta.


    Só a cultura pode transmitirnos a necesidade
    profunda de coñecer e defender todos os dereitos
    humanos pero sobre todo os dereitos fundamentais
    de igualdade, xustiza e liberdade; a través dela
    chegaremos a sentir o horror que provocan as
    desigualdades a que están sometidos tantos seres
    humanos por cuestións raciais, relixiosas, culturais
    e económicas, e entenderemos o mancar
    que supón para eles a falta de educación, a
    pobreza, a vida en países arrasados por conflitos
    armados.


    Porque coa lectura saímos do reduto
    do noso pequeno mundo, o que herdamos
    ou que nos impuxeron, e vemos a vida e os seus
    conflitos cos ollos dos demais.


    É así como
    aprendemos a respectar as ideas alleas e somos
    capaces de atopar un camiño á solución dos
    conflitos, e como se forma o noso criterio que nos conduce ao camiño da liberdade.


    Por isto son importantes os libros e o pracer que
    proporciona a súa lectura, porque axudan a desenvolver
    a nosa mente, a nosa imaxinación, as nosas
    emocións pero sobre todo a nosa intelixencia.


    Ás veces, tanto se somos nenos como adultos como
    anciáns, ler fáisenos difícil porque non estamos
    feitos ao movemento da nosa mente e sentímonos
    cansados, contrariamente ao que ocorre
    cando practicamos tantos praceres pasivos que
    deixan ao noso intelecto inmóbil e tan baleiro como
    estaba antes de comezar.


    Pero se seguimos fieis á
    lectura entramos aos poucos no infinito e
    complexo mundo dunha realidade que non ten fin,
    que abarca toda a historia de todos os tempos,
    toda a creación que foron capaces de levar a cabo
    os que nos precederon e os que viven
    aínda hoxe entre nós, e alcanzamos un pracer
    distinto, o da plenitude que sentimos ao recrear,
    como verdadeiros creadores, a historia que estamos
    lendo, e ao pór en marcha intelecto, emocións,
    creatividade e máis curiosidade para ir en busca de máis
    coñecemento e de máis imaxinación.


    Coa lectura aprendemos a mirar ao noso ao redor,
    ao mundo en que vivimos, a ter o noso
    propio criterio sobre o que ocorre nel, e en consecuencia
    a ser máis libres e a non aceptar o que nos digan os poderosos ou os que pretenden convencernos
    ou impor en beneficio propio as súas ideas, sen que
    antes pase polo noso intelecto que xa
    está preparado para emitir xuízos e tomar decisións
    propias, nin herdadas nin aceptadas a cegas.
    Así é como poderemos converternos en persoas
    lúcidas e conscientes, capaces de loitar, cada cal
    ao seu xeito e coas súas posibilidades, polos nosos
    dereitos e os dereitos dos demais.


    Porque o
    coñecemento fainos solidarios, e non actuamos por obrigación,
    nin por deber, nin sequera por caridade cos
    máis necesitados, senón por xustiza. Porque camiñamos
    en liberdade e só así poderemos axudar a construír
    un mundo mellor.

    Rosa Regás






    Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



    Deseño logo: shouvas