Blog da Biblioteca do IES de Curtis: 1/2/11 - 1/3/11

28/2/11

QUEN É ESA MULLER?

Hoxe comeza no noso IES a terceira edición do concurso Quen é esa muller? Inspirándonos en propostas antes levadas adiante noutros centros, propoñemos, cada ano, para conmemorar o Día da Muller Traballadora, unha serie de imaxes e pistas sobre mulleres destacadas en diferentes lugares do mundo e parcelas da realidade. Estas son as de hoxe. A ver se hai sorte, equipos! Non esquezades que todos os días publicaremos as pistas e imaxes das mulleres do día no blog (tédelas en formato impreso no taboleiro da biblioteca e en fotocopias). E deixade as respostas na caixa da biblio no primeiro recreo do día seguinte, se non o fixestes antes.


       1. O seu pai foi o filósofo británico William Godwin.
         2. No seu círculo de amigos estaba Lord Byron.
         3. Publicou o seu primeiro poema con só dez anos. 
         4. Durante a súa estancia en Italia sufriu grandes traxedias persoais. 
         5. Escribiu unha novela de terror inspirada nun soño    

   




  

1. Ao estoupar a guerra civil, en 1936, atopábase traballando de mestra en Madrid.

             2. Estivo vinculada á ideoloxía comunista.
             3. No consello de guerra celebrado en Coruña en xullo de 1946 foi sentenciada a trinta anos por rebelión militar e catro anos por un atentado contra a autoridade.
            4. En 1977 creou a Asociación Popular O Carriño.
            5. É considerada  a Pasionaria do pobo galego.


           
            1. Participou en dous Xogos Olímpicos. 
            2. Viviu en Brasil, Rusia e Estados Unidos.
            3. Axudou o equipo do que é capitá máis de 200 veces.
             4. Acadou a medalla de bronce con seu equipo no ano 2010
            5. Leva gañados tres aneis, superando ó que se considera       mellor xogador da historia do deporte en España.

27/2/11

Encontro literario con Xulia Alonso

01/03/2011 - 13:35
01/03/2011 - 14:25
Etc/GMT+1

A actitude que me impresionaba na miña avoa Rosa, o que me facía mirala, escoitala, prestarlle toda a miña atención sen saber exactamente o por que era a súa dignidade, a súa capacidade de reivindicar o dereito á memoria, de non renegar, de non ocultar, de non esquecer, de lembrar en voz alta nomes e acontecementos que entón se escondían na sombra do silencio.

Xulia Alonso. Futuro imperfecto ISBN: 978-84-9865-317-5

Coa mesma actitude digna e valente da avoa Rosa, Xulia Alonso, autora de Futuro imperfecto que o martes visitará o noso centro, cóntanos a historia da súa vida.
Unha historia na que non dubida en relatarnos a súa baixada ao Inferno das drogas que gobernaron por un tempo a súa vida e as súas decisións.
Amor e morte percorren as páxinas desta obra. A forza do amor non é quen de impedir a morte, pero permitiralle a Xulia transformar a Nada e reconstruír os elos entre pasado e presente para legarlle a Lucía e a todos nós unha historia chea de vida.

Editorial: Galaxia
Colección: Literaria
248 páx.
Rústica con lapelas
PVP: 15.00 €
ISBN: 978-84-9865-317-5
Data publicación: outubro 2010
1ª Edición

Opinan os seus lectores de 4.º ESO:

Xulia Alonso, autora de Futuro imperfecto, cóntanos no seu primeiro libro a súa historia de amor e o mundo das drogas. Escríbeo para Lucía, coa intención de “deixar ao tempo facer o seu traballo sen medo a esquecer”.
A estrutura da novela é sinxela: escrita de maneira testemuñal e a través da propia experiencia persoal, dirixe o libro a Nico, o seu gran amor. Ao longo da narración vai incorporando lembranzas da súa infancia a través de numerosos flash-back que contribúen a manter a tensión dramática e permiten entender as relacións familiares. Nestas pasaxes ocupa un papel principal a avoa Rosa, á que Xulia admira pola súa fortaleza.
Relátase a fin dos 70, durante a saída da dictadura, unha época de cambios, grandes expectativas e liberdade. Xulia vai estudar a Santiago e séntese indestrutible, iso, xunto coas súas ganas de explorar novos mundos, é o que fai que entre en contacto coa heroína. Aínda que supera a súa adicción, as drogas deixaranlle unha carga de por vida, o virus do VIH.
O libro é un percorrido pola loita conxunta da parella, que non evita que Nico morra, perdendo a infancia da súa filla Lucía que só ten catro anos.
Xulia continúa falándolle a Lucía de Nico, compartindo con ela moitos recordos, intentando dalgún xeito solventar a ausencia do pai e establecendo unha especie de unión entre eles.
Futuro imperfecto é unha lección de vida, superación e valentía. Todo o mundo comete erros, o de Xulia tivo un custo demasiado alto, pero segue loitando día tras día e iso é digno de todo o noso respecto e dunha gran admiración.

Andrea Vila Fariña. 4.º ESO

Gustoume moito porque Xulia é valente e conta cousas realmente duras. Tamén porque nos achega un pouco máis a ese mundo que é o das drogas e fainos conscientes dos riscos que se corren.

Sonia Peteiro Paredes

Gustame como a autora narra a relación de Nico coa súa filla Lucía, o que Nico sentia ao entrar na casa e vela, como o facía revivir e esquecer a enfermidade.
Hai partes moi duras como a morte de Xoán, un personaxe do que me sorprendeu a súa morte repentina, xa que era o maior apoio de Nico canto á súa saúde.

Laura Abucide García

O que máis destacaría de Futuro imperfecto é a forza dos protagonistas e o amor que se profesaban entre eles e tamén a Lucía.
Resultoume moi interesante a parte na que se relata a chegada a Santiago de Xulia e dos estudantes da súa xeración, como consumían a súa dose de heroína e a claridade coa que Xulia o conta.

David González Vázquez

Impresionáronme as ganas de vivir, de seguir adiante, de loitar polo que se quere conseguir que transmite a autora. Con este libro aprendes que, pase o que pase, non te debes render, que hai que loitar ata máis aló, xa que poucas cousas nesta vida son imposibles.

Patricia Sánchez Seoane

Enganchoume dende o primeiro capítulo ata o remate; non sabería dicir algo que me gustara menos.

Verónica Novo Vilela

Gustoume moito a forza que transmite, as ganas que tiña de afrontar as drogas, as ganas que tiña de volver vivir unha vida normal, os tres xuntos, ela, Nico e a súa filla Lucía.

Magalí Carla Villamor Santolaria

Ao principio sempre me custa meterme nas historias e, neste caso, tamén foi así. A medida que avanzaba a narración estaba ben, sen parecerme extraordinaria, pero, sen dúbida, o final conmocionoume.

Alex Rei López

Sen dúbida o que máis me gustou de Futuro imperfecto foi a valentía coa que Xulia conta a historia e como decide tirar para adiante, basicamente pola súa filla, Lucía.

Paula Varela López

É admirable a valentía e a naturalidade coa que conta algo tan forte como foi a súa vida. Móstrase como unha persoa moi valente que, malia a enfermidade, segue adiante.

Antía Pintor Labandeira

24/2/11

Rosalía Viva

Tal día coma hoxe naceu a nosa poeta máis universal. Escoitar e ler os seus versos pensamos que é a mellor forma de homenaxeala. Con esta intención deixamos aquí estes dous vídeos e un enlace realizado polo fundación rosaliana que recolle información completa e detallada sobre a autora.





Para saber máis: http://www.rosaliadecastro.org/

Día de Rosalía - 24 de febreiro


Varias cidades e vilas galegas acollerán actos en memoria da escritora, actividade que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere institucionalizar de xeito permanente. Levarase a cabo en oito cidades e vilas galegas, sendo a celebración central en Santiago, no Panteón dos Galegos Ilustres, onde descansan os restos da escritora. Simultaneamente leranse textos de Rosalía na Coruña, Vigo, Lugo, Betanzos, Ferrol, Ourense e Pontevedra, ademais de Compostela.
Durante estes actos lerase tamén un manifesto que define explicitamente o reclamo da actualidade da obra e pensamento rosaliano e a súa transmisión didáctica ás novas xeracións a través tamén da implicación da escola, así como a demanda dun Panteón de Galegos Ilustres que de verdade sexa de titularidade pública e de uso laico, aberto a todas as persoas que a queiran honrar como unha das personalidades fundadoras da nosa nación, xunto aos demais ilustres que alí descansan, para reforzo e orgullo da nosa memoria colectiva.

22/2/11

Habemos de ir ao Incio. Lois Pereiro 2011

Vídeo documental realizado por dous colegas que nos aproxima á figura do poeta home que este ano está a protagonizar o Día das Letras.



Vía: TRAFEGANDO RONSEIS

El Elemento - Ken Robinson

(...) Hai uns anos oín unha historia marabillosa que me gusta moito explicar. Unha mestra de primaria estaba a dar unha clase de debuxo a un grupo de nenos de seis anos de idade. Ao fondo da aula sentábase unha nena que non adoitaba prestar demasiada atención; pero na clase de debuxo si o facía. Durante máis de vinte minutos a nena permaneceu sentada ante unha folla de papel, completamente absorta no que estaba a facer.
Á mestra aquilo pareceulle fascinante. Ao final preguntoulle que estaba debuxando. Sen levantar a vista, a nena contestou: «Estou debuxando a Deus». Sorprendida, a mestra dixo: «Pero ninguén sabe que aspecto ten Deus». A nena respondeu: «Saberano deseguida».
Encántame esta historia porque nos recorda que os nenos teñen unha confianza asombrosa na súa imaxinación. A maioría perdemos esta confianza a medida que crecemos, pero pregunta aos nenos dunha clase de primaria quen considera que teñen imaxinación e todos levantarán a man. Pregunta o mesmo nunha clase de universitarios e verás que a maioría non o fai. (...)


Creatividade

Mestura de creatividade, novas tecnoloxías e persoas

20/2/11

21 de febreiro: Día Internacional da Lingua Materna

A Conferencia Xeral da UNESCO estableceu, no ano 1999, o 21 de febreiro como o Día Internacional da Lingua Materna co obxectivo de «promover o recoñemento e a práctica das linguas maternas no mundo, nomeadamente, a diversidade linguística e cultural e o plurilinguismo»

" O tema escollido para o Día Internacional da Lingua Materna de 2011 refírese á utilización das tecnoloxías da información e da comunicación coa finalidade de salvargardar e promocionar as linguas e a diversidade lingüística". Irina Bokova, directora Xeral da UNESCO.
Vídeo realizado por esta organización:



Na páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia atópase máis información sobre o tema e recursos educativos para traballarmos na aula.

Poesía Galega


PoesíaGalega.org é unha nova ferramenta web onde temos toda a poesía galega. 
O material audiovisual e os libros que se poden descargar de balde para a súa lectura. O proxecto naceu na USC, da man de Arturo Casas e un grupo de colaboradroes, e pretende ser un repositaro da crítica sobre poesía galega.

ROCKISOME

Nace "Rockisome", un webzine musical en galego dedicado ao rock, en especial á nosa música.

Dende aquí dámoslles a  nosa benvida.

Longa vida!

19/2/11

ADEUS, XAPÓN

Velaquí unha das actividades finais do noso traballo sobre Xapón dentro do Proxecto Interdisciplinar: entre os dous grupos de 1º de ESO fíxose unha narración colectiva, na que o alumnado foi integrando coñecementos que adquiriu sobre o país nipón no trimestre e medio que adicamos á investigación sobre este tema.

            Chámome Huan-Chi e son unha rapaza de trece anos de idade, vivo na illa de Hokkaido, que é unha das máis importantes do arquipélago xaponés. Direivos que non me gusta nada o peixe e iso é un problema.
Son alta, mido 1,65, o cal é moito medir para unha rapaza japonesa, teño os ollos azuis e con forma de améndoa, a miña pel é morena e teño o nariz chato e redondeado. O que máis me gusta de min e que son simpática, polo cal teño moitos amigos.
Meu pai é pescador, moitas veces lévame no barco para axudarlle aínda que, como vos dixen antes, non me gusta nada, nada o peixe.
Un día pola mañán cedo saímos cara á illa de Kiushu; eu non levaba o meu kimono, senón roupa máis cómoda: unha camiseta, un pantalón e unha gorra. Levabamos nunha fiambreira sushi, arroz,algas e  un pouco de wasabi, para poder comer no barco. Mentres, miña nai quedaba traballando nun concesionario de Mistubishi.
De súpeto, empezou a chover dunha maneira moi intensa: estabamos no mes de xullo e nesa época son habituais as choivas por mor dos Monzóns. O vento arrastrounos moi lonxe e fomos bater cunha rocha moi grande: unha fenda enorme deixaba entrar auga, moita auga pola popa! O medo empezou a facerse con nós. Sem pensalo dúas veces tireime ó mar e empecei a nadar. Pero... e meu pai? Volvín a vista atrás e vino totalmente inmóvil, agarrado á proa do barco. Sen pensalo dúas veces, volvín atrás, subín ao barco e achegueille un salvavidas.
Nadamos e nadamos... durante non sei canto tempo... Estabamos case seguros que non íamos saír con vida de semellante aventura. Pero cando xa dabamos todo por perdido vimos terra: tratábase dunha illa deserta...
Miña nai, mentres sucedia todo esta, estaba a volverse tola coa preocupación: algo nos tiña que ter pasado para non estar xa de volta na casa. Correu ao porto pero ali non viu nin rastro do barco. Sen perder máis tempo avisou ás autoridades. Despois, desesperada, foi a unha pagoda próxima: alí, ao pé da figura de Buda, axeonllouse. Non podía máis: estada nerviosa, triste, soa, chea de angustia, faltáballe osíxeno... Algo malo tiña que ter pasado!
Sobre a illa ia caendo a tarde. Os nosos estômagos empezaban a ruxir coa fame: pescamos algo de peixe e collemos uns froitos parecidos aos cocos, que tiñan auga dentro. Meu pai fixo lume batendo dúas pedras e ali dourou os peixes pequenos que conseguíramos coller. Ai! Nunca comera peixe pero o meu estómago xa non aguantaba máis, ou comía aquelo ou pasaba sen nada. A verdade é que non o dubidei moito: abrín a boca e imaxinei que era un saboroso manxar. E, sorpresa, gustoume!. Despois dunha máis que desexada cea, tentamos descansar un pouco: debiamos durmir algo para que a cabeza descansase  e poder, así, chegar a solucionar o grande problema no que estabamos.
Ben cedo, vimos un barco que se aproximaba: meu pai, a toda présa, voltou a facer lume coas pedras: as autoridades, que miña nai avisara o día anterior, por fin deran con nós. Estabamos salvados.
Cando volvemos á normalidade démonos conta de que a nosa vida correra un grande perigo. Fomos, en canto poidemos, os tres dar grazas a Buda, pois cremos que tivo moito que ver con que saíramos airosos de tan grave situación. Ah! E entregamos unha doación de 300.000 yens para que se reforzasen as medidas de salvamento na costa.

A continuación mostrámosvos unha síntese de diferentes aspectos que tratamos nesta particular viaxe por Xapón. Por certo... o próximo mércores “partimos” cara a Chile: apuntádesvos á aventura?



18/2/11

OPINAMOS SOBRE LAS RAÍCES DEL QUIJOTE

Hoy hemos hecho una panorámica en clase de lo que hemos visto ayer en la obra de teatro; hemos charlado sobre los aspectos positivos y negativos del espectáculo. He aquí alguna de nuestras opiniones:

Del espectáculo de ayer, lo que más me ha atraído son los pasos representados. Me parecieron muy divertidos y me llamó mucho la atención el poco vestuario y lo aprovechado que estaba, pues transformaban una única prenda en varias distintas.

Alberto (3º A ESO)

Una de las cosas que más me ha gustado ha sido que los espectadores veamos dos acciones paralelas: una en el presente, entre un alumno y un profesor, y otra en el pasado, entre Cervantes y su carcelero, antiguo cómico de la compañía de Lope de Rueda.

Marcos Rivera (3º A ESO)

17/2/11

HOY ... AL TEATRO

Esta mañana el alumnado de 3º ESO y de 1º de Bachillerato se ha desplazado a A Coruña para presenciar la representación de la obra Las raíces del Quijote, de la mano de la compañía Itaca Teatro. Hemos sido testigos, allí, de la azarosa vida de Cervantes, que en prisión haya refugio y entretenimiento en la representación de pasos de Lope de Rueda, ayudado por su carcelero. Con el fin de acercar a la actualidad la trama, estos dos personajes del siglo XVII son representados en la obra por un profesor y un alumno con problemas de adaptación social, que ensayan un espectáculo: el teatro dentro del teatro, para subrayar, cómo no, la riqueza de posibilidades del arte escénico...

¡Ojalá este tipo de actividades contribuyan, de modo placentero,  a aproximar a nuestros alumnos algo tan lejano en el tiempo como la literatura renacentista y barroca!

O asombro de Mr. Darwin

Os Museos Científicos da Coruña celebran o Día Darwin coa presentación dunha exposición web.

MisterDarwin.eu é unha web interactiva, participativa e multilingüe (galego, castelán e inglés), nada para complementar a exposición “O asombro de Mr. Darwin”. Pero máis que un mero complemento, é un produto divulgativo autónomo que terá valor por si mesmo, incluso unha vez que a exposición termine, xa que está pensada para ofrecer novos recursos didácticos a públicos de todo o mundo.

16/2/11

Sexamos educad@s tamén na Rede

Ao outro lado do ordenador hai xente á que podemos molestar ou ofender se descoñecemos as normas básicas de comportamento en Internet.

Con non esquecer que ao comunicarnos a través de Internet (mediante o correo electrónico, chats, grupos de noticias, mensaxería instantánea, foros...) detrás hai persoas igual que nós, teremos moito adiantado. As normas de etiqueta na Rede (ciberetiqueta ou netiqueta, do inglés netiquette) non son moi diferentes ás normas sociais de conduta que nos van inculcando dende a infancia. O que hai coñecer é o equivalente na Rede aos bos modais.

Pica aquí se queres coñecer esas normas básicas de comportamento na Rede.

XI Concurso de relato oral Tíralle da lingua

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) convoca a XI edición do Concurso de relato oral Tíralle da lingua para promocionar o uso oral do galego entre escolares de Primaria, ESO e Bacharelato.

O prazo de inscrición remata o 14 de abril. A fase final terá lugar o 28 de abril en Santiago de Compostela


15/2/11

ADEUS AO DÍA DOS NAMORADOS... NON AO AMOR

mesa de materiais Biblio Sarmiento
Pasou o día dos namorados, pero na nosa biblioteca seguimos tendo á man de todos unha selección de materiais (DVD e textos) relacionados coa temática amorosa. Ah, e lembrade que


O  máis  difícil non é  o primeiro bico , senón  o  último ( Paul Geraldy)
 

IV Concurso "Ignacio López Bueno" de Presentacións Informáticas

O IES Terra de Trasancos convoca o IV Concurso "Ignacio López Bueno" de presentacións informáticas que este ano terá como tema "Recursos Naturais do 3º Mundo".
Nel poderá participar tódolos alumnos de ESO, Bacharelatos ou Ciclos de FP que estean matriculados no presente curso escolar en centros educativos de Galicia.
O prazo de presentación dos traballos finalizará o día 1 de abril. Os traballos poden entregarse na Secretaría do centro, envialos por correo ordinario en formato CD ou DVD, ou ben remitilos por correo electrónico poñendo como asunto IV Concurso Ignacio López Bueno.

14/2/11

A= (a+i+x)k

Amor(A) é a suma do apego persoal(a), o investimento parenteral ou familiar(i) e a sexualidade(x), e todo iso afectado polo ámbito(k).


"Sempre me fago cruces ao pensar como millóns de persoas de anos se namoraron e desnamoraron sen saber o que lles pasaba por dentro. Eu creo que non hai nada máis poético que a versión biolóxica e científica do amor"




Aínda que o libro xa é do 2007, o amor segue estando de actualidade e as reflexións de Punset non teñen caducidade.

QRT M8

13/2/11

11/2/11

HOME creouse para ti. Corre a voz e colabora co planeta.

Título: HOME
Xénero: Documental
Duración: 93 min.
Ano: 2009

Estamos a vivir un período crucial. Os científicos dinnos que só temos 10 anos para cambiar os nosos modos de vida, evitar de esgotar os recursos naturais e impedir unha evolución catastrófica do clima da Terra.
Cada un de nós debe participar no esforzo colectivo, e é para sensibilizar o maior número de persoas que realicei a película HOME.
Para que esta película sexa difundida o máis amplamente posible, tiña que ser gratuíta. Un mecenas, o grupo PPR, permitiu que o sexa. Europacorp que o distribúe, comprometeuse en non ter ningún beneficio porque HOME non ten ningún interese comercial.
Gustaríame que esta película se converta na vosa pelicula. Compárteo. E actúa.


WebIslam

Informe pedagóxico destinado a quen desexen levar a cabo un traballo máis profundo sobre a película.

10/2/11

Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea

Título: Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea
Autora: Annabel Pitcher
Editorial: Siruela



Pouco antes de cumprir dez anos, o pequeno Jamie vaise vivir ao norte de Londres co seu pai separado, a súa irmá adolescente Jasmine e o seu gato Roger para empezar dende cero. Pasaron cinco anos dende a morte de Rose, a xemelga de Jasmine, nun atentado terrorista islámico en Londres. Os seus pais non conseguiron superar a dor e parece que Jasmine tampouco: tinguiuse o pelo de rosa, fíxose piercings e optou por non comer. A familia caeuse. Pero en todo ese tempo Jamie non derramou unha soa bágoa. Para el Rose, cuxas cinzas repousan na repisa da cheminea, non é máis que un recordo afastado. Interésanlle moito máis o seu gato Roger, a camiseta de Spiderman que lle regalaron polo seu aniversario ou que o seu pai non se decate de que se fixo amigo dunha nena musulmá paquistaní. Un día, ao ver na televisión un anuncio buscando novos talentos que saiban cantar, convéncese de que iso pode facer que as cousas cambien e que toda a familia poida saír adiante.

Déixovos aquí o book trailer da novela na súa versión orixinal en inglés.

9/2/11

A Semana das Curtas

O Equipo de Normalización Lingüística do IES Audiovisual de Vigo organiza o ciclo de curtametraxes galegas "A Semana das Curtas" entre o 28 de febreiro e o 4 de marzo. Está dirixido a todos os centros escolares, sobre todo de Ensino Secundario, que poderán descargar as curtas para proxectar nas súas instalacións.

Os centros interesados en participar desta actividade deben enviar un correo ao enderezo correo@coordinadoraendl.org no que se inclúan os seguintes datos, necesarios para facilitarvos as claves de descarga na semana do 21 de febreiro:
- Nome do centro,
- Departamentos/docentes implicados,
- Niveis educativos nos que se vai desenvolver a actividade,
- Nº de alumnos/as implicados/as,
- Profesor/a de contacto (tamén correo),
- Observacións (dúbidas, suxestións, etc.).

Medio século de Beatles

Un 9 de febreiro de 1961, os Beatles deron o seu primeiro concerto no Cavern's Club, un local subterráneo e húmido de Liverpool, que se converteu na sala máis famosa do mundo.


O Cavern acolleu case 300 actuacións dos Beatles, ata que na década dos 70 foi demolido para construír un centro comercial. Os seus fans vivirán hoxe unha xornada especial en Liverpool.
 
 

 

Para que la sombra no sea - Luis Rodríguez Cao

Para que la sombra no sea
Autor: Luis Rodríguez Cao
Presentación: Libraría Nós, xoves 10 de febreiro ás 20 horas.

A nova obra de Luis Rodríguez Cao, dirixida ao público infantil, pero con intención de que sexa tamén lida por adultos, explora o mundo de dous nenos superdotados de cinco anos, Minia e Alex, cuxa creatividade e sensibilidade chocan cunha estrutura escolar que os exclúe, temática que coñece ben o autor polas súas responsabilidades como coordinador do área de Sobredotación Intelectual da Consellería de Educación na provincia da Coruña.

Isabel Bravo, xornalista da Cadea Ser, presentará o libro e a sorpresa musical da reunión correrá a cargo de Maite Bárbara, profesora de canto no Conservatorio Superior de Música da Coruña.

Fundación Libélula


Fundación Libélula
Autora: Yashmina Hawki Aziz
Editorial: Xerais

Gladys, Helena e Laura arrastran vidas moi difíciles. Ningunha delas elixiu o pesado lastre dunhas circunstancias provocadas pola escravitude sexual, polo maltrato familiar ou pola precariedade laboral que sofren atadas de pés e mans. Serán os fíos de apoio que a avogada María Xosé Muradas e as súas compañeiras van tecendo dende o xermolo da “Fundación Libélula” de axuda ás mulleres en situación precaria os que lles permiten enxergar a posibilidade de comezar unha nova vida. Mais, a pesar das esperanzas acuñadas deberán seguir loitando, xa que as cousas ás veces empeoran antes de mellorar.

Vía Xerais

Binta e a grande idea


Director: Javier Fesser

Binta ten sete anos, vive nunha preciosa aldea xunto ao río Casamance, no sur de Senegal, e vai ao colexio. A súa prima Soda non ten a mesma sorte. A ela non se lle permite aprender as cousas que ignora deste mundo. Binta admira ao seu pai, un humilde pescador, que, preocupado polo progreso da humanidade, está empeñado en levar a cabo algo que se lle ocorreu.



Da película "En el Mundo a cada rato", na que cinco directores mostran a súa visión sobre distintas realidades que afectan á infancia e polas que UNICEF traballa en todo o mundo. Rodada en tres localidades ao sur de Senegal en 2004, Binta e a grande idea mostra algúns dos problemas aos que se enfrontan os nenos e nenas en África subsahariana, dende a mirada inocente e optimista de Binta. O 22 de xaneiro de 2007 foi nomeado ao Oscar á Mellor curtametraxe.

Vía Vimeo

8/2/11

PAZ...SEMPRE

Andamos preparando desde a biblioteca novas actividades sobre o día dos namorados, sobre a muller traballadora... Nas semanas vindeiras  iremos recollendo os materiais expostos para traballar arredor da paz. Pero aínda así, a mensaxe debe estar aí todos os días do ano para que ninguén  a esqueza: PAZ... SEMPRE.

7/2/11

XII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra


Cartel do Salón 2011


Desde o día 6 de febreiro ao 19 de marzo celébrase unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Este ano escolleuse como eixe da exposición o tratamento da  mentira na literatura e nas propostas plásticas que se presentan.

O programa promete!


5/2/11

BUENA CRISIS: hacia un mundo postmaterialista - Jordi Pigem


"... a crise non só é unha oportunidade para avanzar cara a economías e sociedades que sexan máis xustas, sostibles e plenamente humanas. Tamén é unha alarma que saltou porque xa é hora de espertar. Porque a economía global era como un xigante somnámbulo, que avanzaba a grandes zancadas sen saber onde ía, sen saber o que estrullaba baixo os seus pés, inmerso nas fantasías dunha visión do mundo caduca. Por iso a crise é como unha vigorizante ducha fría. UNHA OPORTUNIDADE PARA ESPERTAR"

Jordi Pigem (Barcelona, 1964) é doutor en Filosofía pola Universidade de Barcelona, editor do blog "2010: a crise unha oportunidade para o cambio" e autor moi coñecido no mundo do decrecemento.

As teses do autor son que a crise económica é só o síntoma dunha crise sistémica, enraizada nunha forma obsoleta de entender o mundo que vai en contra do benestar dos seres humanos, que o noso nivel de consumo é innecesario e insostible, que a sociedade do futuro será postmaterialista ou non será e que a boa crise nos pode levar a un mundo con moito máis sentido.

A Crise según Jordi Pigem no programa Para todos de La 2 de TVE


A cuarta parede


Nace "A Cuarta Parede", primeira revista dixital en galego de crítica cinematográfica.

Trátase dunha publicación na rede que editan Víctor Paz Morandeira e Eloy Domínguez Serén, amantes do sétimo arte e colaboradores activos en diversas publicacións. Ambos decidiron o pasado outubro, no marco do festival de Sitges, crear esta nova web para "encher un oco informativo sen ocupar, como é a promoción especializada dos nosos autores e circuitos de exhibición, na nosa lingua", explica Víctor Paz.

Na súa páxina web traballarán ao redor de trinta colaboradores, entre os que se contan recoñecidos críticos como Jaime Pena -coordinador da programación do CGAI- ou cineastas da talla de Ángel Santos e Alberte Pagán. Os contidos do portal renovaranse cada seis ou sete semanas, atendendo ás citas máis importantes do calendario cinematográfico.

O principal foco de atención de A Cuarta Parede é o cine de autor de actualidade, aínda que Paz comenta que non se rexeitará "falar de temas máis atemporais que promovan un intenso debate fílmico".

Haberá seis seccións na web, con reseñas de filmes, reportaxes, traballos de investigación e entrevistas. O apartado Found Footage -Metraxe atopada- presenta un punto novidoso, xa que remite a fragmentos de filmes que son atopados "case por azar, descubertos nunha antiga e abandonada bobina", comenta Víctor Paz.

3/2/11

DE VIAXE POR XAPÓN... CO PROXECTO INTERDISCIPLINAR

Alumnado de 1º ESO A e B
       Estamos a punto de rematar a viaxe a Xapón que iniciamos este curso a través do Proxecto Interdisciplinar. Como xa contamos noutras ocasións, o pasado curso iniciamos o proxecto Entra no mundo dos contos; entra nos contos do mundo que sustenta a labor deste Proxecto no noso centro. Cada trimestre, máis ou menos, traballamos cun conto dun determinado país ou cultura, que nos serve non só para mellorar a competencia comunicativa e literaria dos rapaces, senón que se aproveita tamén como ponte para entrar na lingua, xeografía, clima, relixión, moeda, vestimenta, gastronomía ... da zona do mundo elixida.
      No que vai de curso o proxecto serviunos para "viaxar" a Xapón, desde o conto El viejecillo de la verruga": traballamos coa comprensión e análise narrativa e con variados aspectos do mundo nipón ( xeografía, economía, clima, agricultura, relixión, alfabeto, moeda e gastronomía ). Para rematar, elaboramos un conto no que se foron integrando datos das investigacións feitas e organizamos unha xornada gastronómica xaponesa na biblioteca, con pratos típicos do país co que estivemos traballando nestes meses (sushi, tempura, arroz aromatizado, algas, washawi...). Como vedes, pódese viaxar de moitos xeitos...

2/2/11

Exipto - Vellas tecnoloxías burlan o bloqueo a Internet

Miles de persoas chegan á praza Tahrir para
participar nunha manifestación multitudinaria
(Axencia EFE)

O último dos operadores que daban acceso a internet en Exipto caeu onte. As redes móbiles tamén están a ser obstaculizadas. Pero hai buratos. Coa axuda de hackers e empresas como Google e Twitter, os exipcios están a usar vellas tecnoloxías como o fax e as  emisoras  de   radioafeccionados para facer chegar a súa mensaxe á rede.
Tras o apagamento ordenado polo Goberno o pasado venres, a reacción dos activistas, tanto dentro coma fóra, foi botarlle imaxinación.
Á onda iniciada por hackers e activistas sumáronse tamén grandes empresas de internet, como Google e Twitter. " ao igual que moitas persoas, estivemos pegados ás noticias que veñen de Exipto e pensando no que poderiamos facer para axudar á xente sobre o terreo" escribiron onte dous dos enxeñeiros de Google no blog oficial da compañía. Dedicaron o fin de semana a crear Speak2tweet, un sistema para que calquera exipcio poida deixar unha mensaxe de voz. O programa converte automaticamente a voz nun texto que aparece en Twitter. E de aí, a todo o mundo.

Pucho Boedo deixounos hai 25 anos

Cumpríronse vinte e cinco anos do falecemento de Pucho Boedo, o cantante máis popular de Galicia. Foi un vinte e seis de xaneiro cando nos dixo adeus na súa cidade natal da Coruña, onde está enterrado, no cemiterio da San Amaro. Pero o artista, a pesar do cuarto de século transcorrido, segue vivo no corazón de miles e miles de galegos. A voz do "crooner" coruñés segue espertando sentimentos e emocións como cando daba os seus primeiros pasos artísticos coas orquestras da Coruña, ou percorría o mundo co grupo Os Tamara, triunfando en escenarios de tanto prestixio coma o Olympia de París, compartindo escenario con con Charles Aznavour e Jacques Brel.


O cantante máis popular da historia de Galicia naceu na Coruña o día 4 de xaneiro de 1929 e faleceu o 26 de xaneiro de 1986. É o único cantante de música lixeira que conta con varios monumentos na súa honra, un no Ventorrillo e outro na praza de Azcárraga. Pucho empezou como cantante de orquestra e incorporouse ao grupo Os Tamara en 1959. Foi a partir de entón cando deu o mellor da súa arte, gravando músicas de todos os estilos, aínda que coas que gañou un maior recoñecemento foi coas melodías galegas musicadas polo mestre Romo sobre textos de grandes poetas galegos. A súa voz protagonizou o renacemento da canción en galego.  Puxo música aos versos de Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Pondal e Rosalía de Castro.


Os Tamara - Negra sombra




Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo
Pucho Boedo, o crooner infinito
Os Tamara  -  Os precursores do pop galego
Os Tamara  -  Allá, Allá / Galicia, Terra Nosa / El Amor / Mashed Potato Time
Os Tamara  -  Na Fermosa Galicia
Os Tamara  -  Miña Galicia Verde
Pucho Boedo  -  Volvendo con Os Tamara

Terra de mulleres

Terra de mulleres

Xénero: Documental
Director: Xiadon He
Productor: Cine Frontiere Inc.
Nacionalidade: USA
Ano: 2009
Duración: 45 minutos



“Terra de mulleres” aborda a cultura sexual e única do pobo Mosuo, unha pequena minoría chinesa, e unha das últimas sociedades matriarcais no mundo. Sen un contrato de matrimonio, os Mosuo tradicionalmente constrúen relacións baseadas no amor libre e a satisfacción sexual.

Seguimos a Bima, unha moza Mosuo e vemos como é a súa realidade e os perigos que ameazan a súa forma de vida. Os Mosuo levan vivindo máis de 1.000 anos cunha tradición denominada “unión libre”, segundo a cal un home e unha muller non necesitan asinar un contrato oficial de matrimonio para formar unha parella.

O home e a muller non abandonan o fogar das súas respectivas nais, independentemente de canto dure a súa unión. Mesmo o nacemento dun bebé non garante a estabilidade dunha parella. Se desaparece o amor desfaise a relación, e cada un pode buscar libremente unha nova parella. Permanecer xuntos ou separarse constitúe unha opción persoal na que non interfiren a lei, os membros da familia ou as crenzas relixiosas. Cando unha nena alcanza a idade de 13 anos, atravesa un ritual que marca a súa entrada na idade adulta. Cun pé sobre un porco seco e outro sobre un saco de arroz, pide un desexo: que a súa vida futura sexa abundante. Agora xa pode levar vestido porque xa é muller. Moi pronto poderá embarcarse nunha relación. En principio a “unión libre” é un segredo. O home pasa a noite na casa da súa parella pero marcha antes da alba.




O xornalista, médico e fotógrafo arxentino Ricardo Coler é o autor do libro El reino de las mujeres (El último matriarcado) sobre a comunidade dos Mosuo, no sur de China, unha sociedade de vinte e cinco mil habitantes.

Unha das cousas que máis destaca Ricardo Coler é que nas sociedades nas que mandan as mulleres non existe a violencia.
"Non existe a violencia porque lles dá vergoña non por un sentimento de culpa. Non existe a violencia porque non aceptan os violentos na súa comunidade".

1/2/11

1Q84 de Haruki Murakami en galego



1Q84, a nova novela do escritor xaponés Haruki Murakami(Kioto, 1949), xa está,  editada por Galaxia, nas librarías do país. Será a primeira entrega dunha triloxía que superará as 1.600 páxinas.

1Q84 desenvolve as historias paralelas de Aomame, unha adestradora de ximnasio que vive unha dobre vida relacionada co asasinato, e Tengo, un profesor de matemáticas a quen un editor encarga a reescritura da novela dunha atractiva adolescente para gañar un concurso de novos talentos. A novela de Murakami, como a de Orwell, desenvólvese no ano 1984 e entre outras temáticas aparecen ao longo da trama o poder e forza das seitas no Xapón ou a cuestión dos malos tratos.



A historia de Erika

"Nacín en 1944. Non sei a data exacta do meu nacemento. Non sei que nome me puxeron. Non sei en que cidade ou en que país vin ao mundo. Tampouco sei se tiven irmáns. O que sei con certeza, é que cando apenas tiña uns meses me salvei do Holocausto... "




A historia de Erika é de Ruth Vander Zee con ilustracións de Roberto Innocenti, publicado por Kalandraka. Un retrato diferente da Segunda Guerra Mundial contado pola propia protagonista que, acompañadas polas poderosas ilustracións, fan que se convirta nun libro totalmente imprescindible.


Para traballar co libro: Interpeques - Webquest holocausto

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas