Blog da Biblioteca do IES de Curtis: 1/1/12 - 1/2/12

26/1/12

Un poema para a paz

                                                                   




LIBREMENTE

Nós queríamos libremente

comer o pan de cada día. Libremente

mordelo, masticalo, dixerilo sin medo,

libremente falando, cantando nas orelas

dos ríos que camiñan pra o mar libre.

Libremente, libremente,

nós queríamos somente

ser libremente homes, ser estrelas,

ser faíscas da grande fogueira do mundo,

ser formigas, paxaros, miniños,

nesta arca de Noé na que bogamos.

Nós queríamos libremente surrir,

falarlle a Dios no vento que pasa

-no longo vento das chairas e dos bosques-

sin temor, sin negruras, sin cadeas,

sin pecado, libremente, libremente,

coma o aire do mencer e das escumas.

Coma o vento.

Mais iste noso amor difícil rompeuse

-vidro de soño fráxil-

nun rochedo de berros

e agora non somos máis que sombras.
 
 
 Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra

18/1/12

Si que che gusta ler (pero igual non o sabes)


A Secretaría de Estado de Cultura lanzou en Internet a nova campaña de comunicación e concienciación social a favor da lectura dirixida aos mozos, no marco do Plan de Fomento da Lectura.
A través da adxudicataria, a empresa Media Planning Group , realizouse unha nova campaña de comunicación e concienciación social a favor da lectura, que se insere en Internet e vai dirixida aos mozos de 14 a 18 anos. Desde o ano 2008 optouse por dirixir a mensaxe da campaña aos mozos, en particular aos comprendidos en idades nas que os hábitos lectores poden pasar por unha fase crítica, precisamente en pleno desenvolvemento persoal e educativo. Ademais, co Plan de Fomento da Lectura, a Secretaría de Estado considera prioritario fomentar este hábito no contexto dun uso xeneralizado e masivo das novas tecnoloxías, que esixe unha actitude máis crítica e activa.
A campaña leva como lema Si que che gusta ler (pero igual non o sabes). A mensaxe é positiva e atractiva para os seus destinatarios, tanto na súa forma, cunha estética xuvenil, como no seu fondo, a idea baséase en que os mozos len máis do que cren, especialmente cando utilizan as novas tecnoloxías. A campaña, baseada en formatos publicitarios en Internet, ten como reforzo un microsite, www.siquetegustaleer.org, que inclúe, ademais de múltiples enlaces a portais, bibliotecas virtuais e blogs do seu interese, un xogo de lectura no que o usuario elixe os pasos dunha aventura e pode gañar un e-Reader.



Preme na imaxe para acceder á web

15/1/12

Isaac Díaz Pardo, in memoriam



Voltamos ás aulas coa triste nova do pasamento de Isaac Díaz Pardo. Sirva esta pequena recompilación de citas extraídas da prensa nos últimos días como mostra de homenaxe a unha figura inesquecible da nosa cultura.




“A súa personalidade, marcada pola xenerosidade, atraeu centos de persoas que viron en Díaz Pardo un referente . Foi unha figura singular e irrepetible".

Xosé Luís Méndez Ferrín

“Isaac Díaz Pardo non só deseñaba cerámica, senón que facía tamén os deseños dos fornos, da maquinaria, as engranaxes... foi un auténtico tecnólogo, un innovador, un creador. Foi un descreído optimista que non deixou de traballar polo futuro”.

Xosé Neira Vilas

“O home máis querido de Galicia. Foi un supervivinte toda a súa vida. Morreu ancián, pero siempre tivo que mirar de esguello á historia porque estaba na listaxe da maquinaria pesada do odio”.

Manuel Rivas

“Despedimos ao grande mariñeiro de Galicia, hoxe quedamos orfos de patrón”.

Xesús Alonso Montero

“ O pintor, o fundador de cerámicas de Sargadelos e do Castro, de Edicións do Castro, e doutras entidades dinamizadoras que responden a unha aspiración que el sempre mantivo: normalizar Galiza”.

Xosé Lois García

“No ano 36 era un esquerdista de 16 años, comprometido coa autonomía galega, que se ve lanzado á loita política. Tivo que sobrevivir no mundo dos asasinos do seu pai”.

Suso de Toro

“Mente preclara e faro de longo alcance, foi un deses seres que constrúen un país, unha cultura, pois as súas vidas son unha obra en si mesma”.

Público.es

“Díaz Pardo impúxose a tarefa de preservar, fortalecer e reconstruír a cultura e a memoria de Galicia. Acometeu á vez as facetas de empresario cultural, deseñador industrial, escritor, editor, promotor e mecenas de proxectos”.

El País

“A morte de Isaac Díaz Pardo deixou orfa a Galicia dun dos últimos intelectuais do galeguismo histórico e unha figura irrepetible, como o describiron centos de galegos no libro de condolencias instalado na capela ardente”.

Galiciaé



12/1/12

Nova web sobre Agustín Fernández Paz

A Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes inaugurou  unha web dedicada ao escritor galego Agustín Fernández Paz. A web, que está presentada pola profesora da Universidade de Santiago Blanca-Ana Roig Rechou, inclúe información sobre o autor (semblanza persoal, cronoloxía biográfica e premios e recoñecementos), sobre a súa obra (catálogo e bibliografía), estudos literarios, unha completa galería de imaxes que inclúe fotos persoais e as portadas das súas obras, e diversos enlaces de interese á artigos, vídeos ou información en torno á súa figura. Así mesmo, A Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes fixo público onte que abriu outra web dedicada á escritora arxentina Ema Wolf.
 Na Biblioteca Sarmiento sentimos que é un merecido recoñecemento do que nos congratulamos como lectores. Sen dúbida, unha boa nova para a nosa literatura e tamén para a nosa lingua.
 Vía: Xerais

David Rubín - Exposición





Hoxe inaugurouse na FNAC da Coruña unha exposición de orixinais da última novela gráfica El Héroe, libro 1 do autor galego de banda deseñada David Rubín.








Tivemos a oportunidade de que nos asinará dous dos exemplares da biblioteca (El Héroe e La tetería del oso malayo). 


Aquí déixovos as ilustracións que acompañan á súa firma.

11/1/12

Celso Emilio Ferreiro na rede


 
A Fundación Celso Emilio Ferreiro dispón dunha páxina web desde a que se pode acceder a unha ampla e variada información sobre o escritor e político de Celanova.

9/1/12

Deitado frente ao mar...

Dios ke te crew

                           
                           Lingoa proletaria do meu pobo
                           eu fáloa porque sí, porque me gosta,
                           porque me peta e quero e dame a gaña
                           porque me sai de dentro, alá do fondo
                           dunha tristura aceda que me abrangue
                           ao ver tantos patufos desleigados,
                           pequenos mequetrefes sin raíces
                           que ao pór a garabata xa nan saben
                           afirmarse no amor dos devanceiros,
                           falar a fala nai,
                           a fala dos abós que temos mortos,
                           e ser, co rostro erguido,
                           mariñeiros, labregos do lingoaxe,
                           remo i arado, proa e rella sempre.


                           Eu fáloa porque sí, porque me gosta
                           e quero estar cos meus, coa xente miña,
                           perto dos homes bos que sofren longo
                           unha historia contada noutra lingoa.


                           Non falo pra os soberbios,
                           non falo pra os ruís e poderosos,
                           non falo pra os finchados,
                           non falo pra os valeiros,
                           non falo pra os estúpidos,
                           que falo pra os que agoantan rexamente
                           mentiras e inxusticias de cotío;
                           pra os que súan e choran
                           un pranto cotidián de volvoretas,
                           de lume e vento sobre os ollos núos.
                           Eu non podo arredar as miñas verbas
                           de tódolos que sofren neste mundo.
                           E ti vives no mundo, terra miña,
                           berce da miña estirpe,
                           Galicia, doce mágoa das Españas,
                           deitada rente ao mar, ise camiño...

Celso Emilio Ferreiro (1978): Obra completa, I (Madrid: Akal editor)

Un poema, unha canción

Ano Celso Emilio Ferreiro

O pasado 4 de xaneiro cumpríronse cen anos do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, escritor, político e un dos máximos expoñentes da nosa poesía social.

Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979) iniciou desde moi novo unha actividade política e literaria que estaría sempre marcada polo compromiso co país. Cando estalou a guerra foi obrigado a se incorporar ao exército franquista. Condenado a morte por un artigo publicado nunha revista que el mesmo dirixía, a súa familia consegue o indulto. No tempo que estivo na cadea escribe o poema Longa noite de pedra, núcleo central do libro do mesmo título do que se cumpren cincuenta anos da súa publicación. O título da obra converteuse en símbolo da loita contra a ditadura franquista.

Para conmemorar este Ano Celso Emilio Ferreiro programáronse unha serie de exposicións, edicións de libros, concertos e outras actividades destinadas a todos os públicos e a todos os sectores da poboación galega, para pór de manifesto a vixencia dunha obra imprescindible da literatura e da poesía dun dos escritores máis representativos do século XX galego. O programa de actos comezou coa iniciativa ‘100 poemas para lembrar a Celso Emilio’, unha actividade desenvolvida pola Xunta que consistirá na exhibición de mostras da súa poesía nos escaparates de cen establecementos públicos e privados de Celanova, durante todo o ano 2012. Contará asemade cunha exposición interactiva centrada na súa vida e na súa obra, que percorrerá o territorio da comunidade en itinerancia polas bibliotecas e os centros escolares de Galicia.

Dende a Biblioteca Sarmiento damos a benvida a este ano Celso Emilio e agardamos poder contribuír á difusión da súa obra coas nosas pequenas achegas.

6/1/12

Galicia despide a Isaac Díaz Pardo




Tráiler sobre Isaac Díaz Pardo
  Vía: Diagonal web

 ***

06/01/2012 - LV Galiciaé / Axencias
 
"O intelectual galeguista faleceu onte aos 91 anos nun hospital da Coruña, onde levaba case quince días ingresado por unha pneumonía.

Despois de recibir onte as mostras de condolencia unánimes de todos os ámbitos políticos, sociais e culturais da comunidade, centos de cidadáns acudiron hoxe a darlle un último adeus no Museo do Pobo Galego, en Santiago.

Ao remate do velorio, os restos de Isaac serán trasladados ao cemiterio de Boisaca, na capital galega, nun lugar reservado para santiagueses ilustres, onde xa repousan, entre outros, os restos de Valle Inclán ou Antón Fraguas..."

Desde aquí accédese á noticia completa.


Información da noticia na  CRTVG

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas