Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Sangue sobre a neve de Manuel Forcadela

1/12/08

Sangue sobre a neve de Manuel Forcadela


Cando a prensa local publicou a noticia do achado do
corpo de Luciano J. Puga, moi pouca xente podería sospeitar
das verdadeiras razóns daquela morte. Durante
algún tempo, e antes de que a policía emitise algún xuízo,
especulouse co suicidio. De feito, dos dous buracos
que presentaba o corpo do xerente de Conservas Puig e
Hijos, S.A., só un resultaba evidente na contemplación
inmediata do cadáver, situado mesmo xunto a tempa
dereita, alí onde sempre colocan a pistola os que queren
desfacerse de si propios dun xeito rápido e escasamente
doloroso. O outro, na parte superior da caluga, a pesar
dos lixeiros sinais de sangue que tinxían o cabelo, pasara
inadvertido para aqueles paseantes que encontraran
o corpo xunto á vella escalinata de pedra da praia de
Alcabre. Só cando o informe do forense coñeceu a luz
pública e os resultados da autopsia saíron publicados
nos xornais comezou a estenderse a tese do crime e
todas aquelas teorías que, dun día para outro, pareceran
ter certo fundamento (a separación, había un ano,
da súa segunda muller; a súa afección ao alcohol; a
vida disipada que, segunda algunhas fontes, levara nos
últimos meses e, sobre todo, a aparición dunha pistola
xunto ao corpo) caeron polo seu propio peso.

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas