Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Día de Rosalía
Mostrando entradas con la etiqueta Día de Rosalía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Día de Rosalía. Mostrar todas las entradas

6/3/17

PARA LER A ROSALÍA


     Rosalía está, como non podía ser doutro xeito, presente nestes días, máis ca nunca, no espazo da biblioteca. Imaxes ben fermosas e libros senlleiros da nosa poetisa cobren as mesas de exposición co obxectivo de achegarse ás mans dos que a diario visitamos este espazo.


24/2/14

Día de Rosalía 2014


O  24 de febreiro de 1837 naceu Rosalía de Castro. Celebramos hoxe o día da nosa escritora máis universal sendo conscientes de que o trancorrer dos anos pon de manifesto a intemporalidade da súa obra e a vixencia do seu pensamento.
 
Na Biblioteca Sarmiento non queremos deixar pasar este aniversario do seu nacemento sen lembrar a importancia e significación da autora e das súas obras, esenciais para entender a nosa historia: o noso pasado e tamén o noso presente.
 
Reproducimos o manifesto asinado pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega redactado por un poeta co que tivemos a grata oportunidade  o curso pasado de compartir o pracer da poesía.
 
Feliz Día de Rosalía  e grazas a Carlos Negro polas súas fermosas palabras.
 
 
Hoxe e sempre, Rosalía de Castro representa a fenda, a nosa fenda. Unha ferida aberta na conciencia colectiva, un talento literario irredutíbel a fórmulas caducas e tópicos amables. Unha voz que escribe para ser libre e consciente, aínda que manque e rabuñe, pois non quere ser flor. Solitaria e solidaria. Muller e galega nun mundo gobernado por raposos que non ocultan o rostro da barbarie, o fanatismo reaccionario.
Rosalía de Castro: aquela que nos deixa en herdo un feixe de versos como toxos e silvas, xurdidos dunha gándara onde inzan a angustia e a carraxe. Porque ninguén coma ela soubo expresar os enigmas da condición humana, as dúbidas existenciais que nos acosan, as contradicións da alma, a saudade e a soidade. O río da vida que pasa e flúe polas brañas de Laíño, co seu maino rebulir, camiño das torres do Oeste.
E, ao mesmo tempo, sen renunciar á expresión do íntimo, Rosalía emerxe como a intérprete máis veraz dos nosos dramas colectivos en canto nación e pobo; mais a súa literatura non se converte nunca nun panfleto de carácter burocrático. Moi pola contra: é un documento humano escrito con sangue, desde as entrañas, como un espello no que a voz da poeta captura todo aquilo que é digno de ser cantado. E esa dignidade comeza pola restauración do uso escrito da lingua galega, convertida en símbolo de rebeldía.
Desde ese compromiso, padecemos a través dela os dramas dun pobo que sofre, mais que nunca atopou unha pluma que o defendese. E ela, literata consciente, converte a súa obra nunha casa de acollida para todas aquelas mulleres invisibles que padecen maltrato e desprezo; e cede a palabra a todas esas viúvas que tecen soidades, a todas as labregas que loitan e non se renden, ás mozas que aman e ás que odian, ás que van alegres de romaría e ás que collen con rabia a fouciña.
Non reduzamos esta homenaxe a un canto fúnebre; pois Rosalía de Castro non debe ser nunca unha escusa para a solemnidade académica arredor dun cadaleito; ela debe ser sempre outra cousa, unha forza rabuda que move os marcos da literatura para levarnos máis lonxe de nós mesmos. Alguén que, se vivise neste século XXI, seguiría a denunciar a todos aqueles que, baixo a máscara da honradez, pretenden converter a lei en atadura, o corpo en cárcere, a liberdade en servidume.
E por iso Rosalía de Castro segue a convocarnos, a emocionarnos, a transformarnos por dentro.
E non esixe ritos de adoración. Simplemente, unha lectura plural e sen ataduras.
E por iso, desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, querémola viva os trescentos sesenta e cinco días do ano.
Querémola pola rúa e nas escolas, nos barrios e nos arrabaldes, nas aldeas e nas prazas, nas fachadas brancas dos edificios.
Queremos que os seus versos nos invadan, fender con eles o silencio administrativo dos poderosos. A súa teimuda indiferenza.
Para que a súa voz ilumine o noso futuro, alta e clara como murmurio e como alento.
Ceiba coma sempre.
Nosa e de toda a cidadanía consciente de si mesma.
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2014
 
Carlos Negro, vogal da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega 

 
.

 
 

24/2/12

24 de febreiro, Día de Rosalía

   O 24 de febreiro de 1837 nacía en Santiago de Compostela a nosa escritora máis universal: Rosalía de Castro. A súa obra permanece viva 175 anos despois.   

 — Meniña, ti a máis fermosa
que a luz do sol alumbrara;
ti a estrela da mañanciña
que en puras tintas se baña;
ti a frol das froridas cumbres,
ti a ninfa das frescas augas,
ti como folla do lirio
branca, pura e contristada
¿Quen eres, fada sin nome
de tan dormentes miradas,
de tan dorida sonrisa
de feituriña tan cándida?
¿Quisais de muller naceches
sendo tan limpia e tan casta?
¿Quisais das brisas da tarde,
quisais das brétemas vagas
das burbulliñas dun río,
quisais dunha nube branca?
¿Ou as espumas do mare
a un raio de sol xuntadas
pousáronte ó ser de aurora
nunha cunchiña de nacra?
Mais, de onde queira que sexas,
tristísima pasionaria,
por ti sinto un amor puro
que pouco a pouco me mata.
Por ti, de noite e de día,
cal vaga sombra encantada,
preto do teu vivir ximo,
ximo cos ventos que pasan
facendo vibrar sonoras
sentidas cordas dun harpa,
que con ecos tembradores
dos meus amores che falan.
Mais dime: ¿por que estás muda,
di por que estás solitaria,
di por que vives nos montes
cos paxariños que cantan,
mentras ti choras e choras
ó pé dun olmo sentada,
toda de loito cuberta,
toda cuberta de lágrimas.

   Roi Casal musicou este poema no seu primeiro disco, Lendas douradas.


            
          

   Deixamos tamén aquí unha escolma literaria da autora co obxectivo de achegármonos á súa obra.



Casa - Museo Rosalía, Padrón








Escolma literaria 
Rosalía

24/2/11

Rosalía Viva

Tal día coma hoxe naceu a nosa poeta máis universal. Escoitar e ler os seus versos pensamos que é a mellor forma de homenaxeala. Con esta intención deixamos aquí estes dous vídeos e un enlace realizado polo fundación rosaliana que recolle información completa e detallada sobre a autora.





Para saber máis: http://www.rosaliadecastro.org/

Día de Rosalía - 24 de febreiro


Varias cidades e vilas galegas acollerán actos en memoria da escritora, actividade que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere institucionalizar de xeito permanente. Levarase a cabo en oito cidades e vilas galegas, sendo a celebración central en Santiago, no Panteón dos Galegos Ilustres, onde descansan os restos da escritora. Simultaneamente leranse textos de Rosalía na Coruña, Vigo, Lugo, Betanzos, Ferrol, Ourense e Pontevedra, ademais de Compostela.
Durante estes actos lerase tamén un manifesto que define explicitamente o reclamo da actualidade da obra e pensamento rosaliano e a súa transmisión didáctica ás novas xeracións a través tamén da implicación da escola, así como a demanda dun Panteón de Galegos Ilustres que de verdade sexa de titularidade pública e de uso laico, aberto a todas as persoas que a queiran honrar como unha das personalidades fundadoras da nosa nación, xunto aos demais ilustres que alí descansan, para reforzo e orgullo da nosa memoria colectiva.
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas