Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Darwin
Mostrando entradas con la etiqueta Darwin. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Darwin. Mostrar todas las entradas

17/2/11

O asombro de Mr. Darwin

Os Museos Científicos da Coruña celebran o Día Darwin coa presentación dunha exposición web.

MisterDarwin.eu é unha web interactiva, participativa e multilingüe (galego, castelán e inglés), nada para complementar a exposición “O asombro de Mr. Darwin”. Pero máis que un mero complemento, é un produto divulgativo autónomo que terá valor por si mesmo, incluso unha vez que a exposición termine, xa que está pensada para ofrecer novos recursos didácticos a públicos de todo o mundo.

25/11/09

Darwin, navegando no Beagle


Con Darwin. Navegando no Beagle’ o Museo do Mar de Galicia celebra o ano Darwin coa exposición máis ambiciosa da súa historia, unha mostra que conmemora o 150 aniversario da publicación do libro A orixe das especies , o libro do científico británico Charles Darwin que continúa a ser una referencia no mundo da bioloxía, da navegación e mesmo da filosofía e da relixión.

A exposición inclúe elementos únicos e inéditos, como unha reproducción de nove metros de eslora do Beagle –o barco no que Darwin navegou arredor do mundo- , ou do camarote do científico, unha longa serie de elementos multimedia e máis de 60 pezas relacionadas co traballo do Beagle e co contexto histórico e científico da época. Entre elas, un barómetro Fitzroy procedente do Reino Unido, un microscopio do século XIX, o teodolito –instrumento de medición topográfica- de Domingo Fontán –autor da Carta Xeométrica de Galicia- e una ampla colección de animais disecados, reproduccións de láminas orixinais do Beagle e edicións facsímiles

23/11/09

150 anos do de Darwin.


A orixe das especies, a obra do naturalista inglés do século XIX Charles Darwin que, a xuízo dos expertos, resulta esencial na historia da Ciencia e a Bioloxía e provocou unha revolución nas teorías coñecidas até o momento, cumpre mañá os seus 150 anos da publicación. Nela, Darwin expón a súa idea da selección natural, como base para a posteriormente denominada ´Teoría da Evolución´. En concreto, postulou que todas as especies de seres vivos evolucionaron co tempo a partir dun antepasado común mediante un proceso denominado selección natural. Esta obra do biólogo inglés, que ademais serve de referencia para os investigadores actuais, é resultado das observacións recollidas durante a viaxe do británico a bordo do buque ´HMS Beagle´, entre 1831 e 1836.

26/5/09

Un cómic de José Fonollosa sobre a viaxe de Darwin no Beagle


O bicentenario do nacemento de Charles Darwin atopou a súa celebración particular no mundo do cómic coa “Viaxe de Darwin”, unha serie de cinco cómics de José Miguel Fonollosa que relata a viaxe que serviu de base ao naturalista para a súa futura teoría da evolución das especies.

Darwin con apenas 22 anos embarcou no navío da mariña británica HNS Beagle. A expedición foi unha escusa para afastarse de Inglaterra e dun pai autoritario que quería encamiñar o seu fillo cara á medicina ou ao seminario.

O primeiro volume da "Viaxe de Darwin, Plymouth-Río de Xaneiro", que publica a editorial Planeta conta a primeira etapa desa viaxe, que marcaría a obra do naturalista e a súa propia vida.
Así, o 27 de decembro de 1831, un novo Charles Darwin zarpou dende a costa británica cara a Brasil. O cómic mostra como a tripulación do HNS Beagle vía no pequeno Darwin a un futuro científico e, a pesar de tratalo como á pequena mascota do barco, todos sentían por el un profundo respecto, incluído o capitán Fitzroy, home estrito e autoritario, defensor dunha moral férrea e símbolo da Inglaterra que Darwin deixara atrás. Un home culto que traba amizade con el, por aquel entón, futuro creador da Orixe das especies, obra da que se celebra este ano o 150 aniversario.

"Unha das primeiras cousas que ten que aprender un científico é que nunca pode dar cousas por sentado", afirma o Charles Darwin das viñetas. E é que este e outros axiomas lle levaron a tomar notas, recoller especies, facer un listado de todo o que atopaba, escoitar á natureza.

A primeira etapa remata en Río de Xaneiro, co que Fonollosa quixo "remarcar o choque que supuxo para el, que tiña unha vida resolta e dirixida, atoparse ao outro lado do mundo, e do concepto que se tiña en América da vida humana", en relación á violencia exercida contra os escravos.

O seguinte volume, “Terra de lume”, sairá á venda o próximo mes de xullo e contará o paso de Darwin pola Patagonia.
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas