Blog da Biblioteca do IES de Curtis: ENCONTRO CLUB DE LECTURA
Mostrando entradas con la etiqueta ENCONTRO CLUB DE LECTURA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ENCONTRO CLUB DE LECTURA. Mostrar todas las entradas

27/5/16

UNHA XORNADA INESQUECIBLE COS PIRATAS DO EO




        
    O pasado luns, 23 de maio, os fendetestas visitamos aos Piratas do Eo, nome do club de lectura do IES Enrique Muruais, de A Pontenova (Lugo) . A xornada, coa que completamos o encontro entre clubes deste ano, estivo repleta de actividades e resultou moi satisfactoria no referente á interacción entre os rapaces dun e outro instituto. 




     Despois dun acolledor recibimento por parte do profesorado do clube e da dirección do centro, poidemos celebrar un encontro coa escritora Sabela Núñez Singala, profesora nese instituto. Dado que os fendetestas lemos a súa novela O agasallo de Anya, o diálogo con ela resultou moi proveitoso, non só pola experiencia literaria, senón tamén pola sinceridade do seu discurso e a solidaridade dos seus proxectos. 


     



    Xa no patio do colexio os piratas tíñannos preparada unha curiosa carreira de coches-globo que deixou boquiaberto a máis dun! 





 Despois tocou camiñata polo pobo, para ver o Museo da Pesca (por esa zona péscase xa salmón) e os Fornos para fundir ferro que tanta actividade tiveron na primeira metade do século pasado. Para rematar celebramos un xantar conxunto, antes de voltar a Curtis. 


          
 

 Unha vez máis poidemos constatar que o club de lectura abre portas que nos axudan non só a entrar no mundo da ficción, senón a percorrer camiños da realidade polos que nunca andaramos ata agora.


5/5/16

ENCONTRO DO NOSO CLUB DE LECTURA CO CLUB DE A PONTENOVA (LUGO)


 Onte foi un día especial para as profesoras e o alumnado que integramos o Club de lectura Fendetestas. Desde hai meses vimos programando o encontro co club do IES Enrique Muruais, de A Pontenova (Lugo), co que contactamos a través de María, a nosa orientadora,  e este luns desenvolvemos a primeira parte da actividade, deseñada para facer medrar a competencia expresiva, social e cidadá.


Para sacar un bo proveito da xuntanza, contabamos cunha serie de actividades no centro e fóra del, que agora vos contaremos.

1. Recibimento no Salón de Actos polo director do centro e por dúas alumnas veterás dentro do noso club , para explicar aos nosos convidados quen somos e en que consiste a nosa actividade ao longo do curso.


2.Organización de dous grupos con cuarenta alumnos, máis ou menos, cada un. Un deles foi á biblioteca e distribuiuse en  4 mesas de dez compoñentes, nas que se mesturaron rapaces de Curtis e de A Pontenova: alí  tiveron a oportunidade de presentarse, de falar das súas afecións e de intercambiar experiencias lectoras. Mentres, o outro grupo acudiu aos talleres do Ciclo de Automoción, onde os profesores desta modalidade lles explicaron como traballan alí: como son as súas "aulas", que aprenden a facer nese espazo os alumnos e de que maneira. Despois dun tempo, os grupos intercambiaronse. 


3. Tras un pequeno descanso, marchamos en bus a Betanzos, para percorrer a zona antiga, onde se celebra en Xullo a Feira Medieval, e para visitar o Parque Enciclopédico do Pasatempo, onde comemos xuntos. 





       A xornada foi intensa, pero o esforzo valeu a pena... Unha vez máis poidemos confirmar que o Club de Lectura non só serve para ler e para entreter, serve tamén para medrar, non só como lectores, senón tamén como persoas. 

     E agora concentramos esforzos e ilusión xa na segunda parte do encontro: o día 23 viaxamos nós á Pontenova, para retomar o contacto entre alumnado e profesoras e para seguir descubrindo, a través do club de lectura, partes da realidade que descoñecemos. 


        Quero deixar nesta entrada o agradecemento das profesoras do club Fendetestas ao profesorado de Automoción, que prestou o seu tempo e o seu saber  para que todo se desenvolvese como estaba previsto, e tamén, ás profesoras de A Pontenova, cuia implicación foi fundamental para que todo saíse ben. 
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas