Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Nos camiños do entusiasmo

1/4/09

Nos camiños do entusiasmo


Nos camiños do entusiasmo é o último ensaio da profesora Goretti Sanmartín

Desde a editorial Xerais afirman que este libro pretende «ligar a defensa do idioma galego co emprego dun modelo de lingua culto para ocupar o espazo que merece como lingua propia deste país».
Para acadar este obxectivo, a autora «aborda os problemas máis urxentes da lingua galega na actualidade e realiza un percorrido crítico por dúas ferramentas que puideron ser fundamentais no proceso de normalización: o Plan xeral de normalización da lingua galega e o acordo normativo de xullo de 2003». Desde esta perspectiva xeral, o ensaio de Goretti Sanmartín Rei «combina a análise das políticas lingüísticas desenvolvidas nos últimos anos, a revisión de conceptos fundamentais neste ámbito de fonda tradición entre o movemento nacionalista, mais cada vez máis cuestionados socialmente, coa reivindicación de textos e personalidades relevantes da nosa particular tradición sociolingüística, para contribuír coa súa (re)lectura a nos sentirmos elos dunha cadea que debemos transmitir con entusiasmo».
«Nesta dramática mais esperanzada viaxe», indican fontes da editorial, a profesora na área de Filoloxías Galega e Portuguesa do Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña, «contextualiza textos e interpretacións sobre a obra de Manuel García Blanco ou de Ramón Piñeiro e afonda de maneira especial no pensamento de Ramón Vilar Ponte e da súa xeración, nun intento de recuperar algunhas das voces que deseñaron unha necesaria política para a lingua que precisa anovar os discursos e constituír un referente recoñecido tanto social como academicamente».

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas