Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Pedrón de Ouro-2009

17/4/09

Pedrón de Ouro-2009

Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias foron distinguidos co premio Pedrón de Ouro-2009 polos esforzos e o traballo que realizan desde 1972 para recuperar e transmitir o patrimonio oral de Galicia.
O Pedrón de Ouro recoñece a personalidade ou entidade viva e residente en Galicia "que máis destaque na defensa e na promoción das diversas facetas da cultura nacional" ao longo do ano ou na traxectoria dunha vida.
Mini e Mero, que pertencen actualmente ao grupo de música tradicional 'A Quenlla', manifestaron en declaracións a EFE que o Pedrón de Ouro supón para eles unha "gran satisfacción", ademais dun "empurrón" para seguir recompilando cancións, refráns, lendas e outras expresións da cultura oral galega.
Ademais, Mini sinalou que ese galardón "tamén se lle está dando a moitas persoas" que desenvolven tarefas similares "en silencio", e asegurou que nin el nin Mero "o merecen", porque o seu traballo "é un acto egoísta, é beber dunha fonte na que outros non poden".
Os dous musicólogos coincidiron en que o "mérito en si" é ter a oportunidade de "redescubrirse a si mesmos" a través da investigación cultural que emprenderon hai case corenta anos, e que continúa hoxe en día, porque lles axudou a "vivir dun modo harmónico co ser de Galicia".
Mini e Mero recompilaron material por toda a xeografía galega, pero, fundamentalmente, na súa comarca natal, a Terra Cha, e as zonas de Boimorto e Mesía, onde exercen de profesores. Os etnógrafos aseguraron que é "imposíbel" contabilizar o material recompilado estes anos, arquivos que pretenden "difundir" e "poñer nun gran foro" porque "son patrimonio de todos".
Para iso, existe un proxecto de colaboración co Museo do Pobo Galego que permitirá acceder a unha base de datos de todo o patrimonio oral recollido durante estes anos polos novos Pedrón de Ouro, dentro dun ano, aproximadamente.
http://sarmientobiblioteca.blogspot.com/2009/03/mini.html

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas