Blog da Biblioteca do IES de Curtis: ARREDOR DAS ORIXES DA CONMEMORACIÓN DO 17 DE MAIO

7/5/09

ARREDOR DAS ORIXES DA CONMEMORACIÓN DO 17 DE MAIO


O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro.
O 20 de marzo de 1963, baixo o franquismo, tres membros da Real Academia Galega (Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego) presentaron nesta institución a proposta de celebrar o 17 de maio para recoller o "latexo material da actividade intelectual galega". Estimaban que o poemario de Rosalía era a primeira obra mestra da literatura galega contemporánea, é dicir, considerábana a primeira obra do Rexurdimento. Realmente, a data real de publicación do libro descoñécese, pero nese día Rosalía dedicoullo á tamén poeta Fernán Caballero.
Publicouse unha edición crítica de Cantares gallegos, obra de Fermín Bouza Brey. A festa tivo un alcance e unha significación extraordinarios, e foi moi ben acollida non só a nível literario senón nos ambientes populares. A partir de entón dedícaselle o 17 de maio de cada ano a unha figura significativa da literatura galega, coa única condición de que no ano da súa conmemoración se cumpriran dez ou máis anos do seu falecemento.

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas