Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Camiño ao 17 de maio

4/5/09

Camiño ao 17 de maio

A obra de Ramón Piñeiro non é moi abundante, e céntrase, na súa totalidade, na que se deu en chamar "filosofía da saudade". Así, a comezos dos 80, publicou Siñificado metafísico da saudade, notas pra unha filosofía galaico-portuguesa e Filosofía da saudade. Tamén destacan as súas traducións, en colaboración con Celestino Fernández de la Vega, das obras de Pokorny e Heidegger, que supuxeron no seu momento, segundo a RAG, "un paso decisivo na normalización do galego como lingua con capacidade para expresarse en todos os campos do saber, superando a súa cualificación como lingua "rural e poética" na que a tiñan encadrada moitos intelectuais españois da posguerra.
Saudade é unha especie de vaga lembranza nostálxica e cariñosa dun ben especial que está ausente, acompañado dun desexo de volver a velo ou posuílo. É unha única palabra para designar todas as variedades dese sentimento. Aínda que moi semellante á morriña, diferénciase desta en que non require un afastamento físico do obxecto amado, e nin sequera que este sexa algo concreto.
Este termo é case exclusivo do vocabulario da lingua galega e da portuguesa. A palabra vén do latín "solitas, solitatis" (soidade), posiblemente influída polos termos "saúde" e "saudar".
No fado, e en xeral na música popular galego-portuguesa, a saudade e a partida son temas constantes. Múltiplos artistas galegos, ademáis de Piñeiro, incluíron este tema nas súas obras; entre eles cabe citar a Rosalía de Castro, ou Eduardo Pondal.
Castelao, no seu libro Sempre en Galiza, analiza tamén este sentimento "tan galego".

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas