Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Mañan na Couceiro

12/5/09

Mañan na Couceiro


este mércores día 13 preséntanse na libraría compostelá Couceiro, ás 20.00, novas entregas bibliográficas arredor da figura do galeguista Ramón Piñeiro: a publicación de Xesús Alonso Montero na colección "Memoria", Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, unha recreación e retrato persoal de Piñeiro, con quen mantivo unha estreita relación; a recompilación que realizaron Helena González e María Xesús Lama da correspondencia entre Basilio Losada e Ramón Piñeiro (1961-1984), case 500 cartas baixo o título Do sentimento á conciencia de Galicia; e a compilación e edición realizada por Henrique Monteagudo de novos ensaios dispersos de Ramón Piñeiro, reunidos baixo título O espertar da conciencia galega. Galeguismo, cultura e identidade, que sairán continuando a Biblioteca de Autor.
Por outra banda, Beatriz García Turnes publicou Vida e obra de Ramón Piñeiro na colección "Letras Galegas", e para despois do verán está prevista a edición da tese de doutoramento do profesor Miguel Barros, dirixida polo catedrático Ramón Maiz, arredor do pensamento e a acción política de Piñeiro, así como a recuperación dos seus "informes políticos" como activista na clandestinidade e novas series da súa inxente correspondencia, nesta ocasión a que mantivo con Xosé Luis Franco Grande. Para o ano 2010 prepárase a que cruzaron durante toda a vida Francisco Fernández del Riego e mais el, fundadores e primeiros directores da revista GRIAL.

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas