Blog da Biblioteca do IES de Curtis: A Real Academia Galega insta ao goberno a afastar o galego da controversia partidaria

17/5/09

A Real Academia Galega insta ao goberno a afastar o galego da controversia partidaria


Comunicado do Plenario da Real Academia Galega lido na Coruña polo seu Presidente nas vésperas do 17 de maio, Día das Letras Galegas 2009:

Diante dos pronunciamentos e as comunicacións públicas que dun tempo a esta parte se están a producir arredor da lingua galega, moi especialmente sobre a súa presenza nas aulas de ensino non universitario, e dada a significación histórica desta institución fundada en 1906 baixo a presidencia de Manuel Murguía, constituída a prol da defensa e a dignidade do noso idioma e da nosa cultura, e depositaria do ordenamento normativo da lingua por decisión do Parlamento de Galicia e a Lei de Normalización Lingüística (1983), a Real Academia Galega séntese na obriga e no deber moral de pronunciarse nos seguintes puntos, que consideramos fundamentais (segue...)

1 comentario:

Curtisbiblio dijo...

1. A lingua galega é unha riqueza, patrimonio común de todos os galegos, lingua milenaria, posuidora dun rico acervo histórico que nos sitúa en pé
de igualdade entre as culturas todas do mundo. A lingua galega forma parte consubstancial da identidade e do recoñecemento de Galicia como nación e como
colectividade. Como dicía Ramón Piñeiro, a quen este ano honramos o Día das Letras Galegas, “para que unha comunidade humana teña categoría de pobo, para que teña unidade íntima e transcendente, ha de ter unha alma de seu.
E un pobo ten alma de seu cando posúe idioma, cando fala nunha lingua propia, que tal é o que significa a palabra idioma. A lingua vén a ser a alma viva do pobo que a fala, vén a ser a súa comunidade esencial”.
2. Como lingua propia de Galicia, o galego dános identidade no mundo, pero tamén nos relaciona con outros espazos aos que, cumprindo unha función
comunicativa, non queremos nin debemos renunciar. A lingua galega non é incompatible co coñecemento e o uso doutras linguas, moi especialmente o castelán, e vencéllanos coa irmandade galego-luso-brasileira, que nos abre
a varios continentes e que nos universaliza. Xunto co castelán, o inglés e o coñecemento das novas tecnoloxías da comunicación, propias da sociedade global
da que formamos parte, os homes e mulleres da Galicia do noso tempo, cidadáns dun novo século conscientes do valor do seu idioma, dispoñemos de posibilidades
certamente privilexiadas para nos relacionarmos co mundo e, sen renunciarmos a nós mesmos, exercer como cidadáns universais.
3. Ninguén é propietario da lingua. Como patrimonio común, herdado dos nosos avós e dos devanceiros, a lingua é de todos os galegos, mesmo daqueles que non
tiveron a fortuna ou a portunidade de recibila de seu na infancia. A lingua é un cemento que nos une, no que nos recoñecemos e que nos proxecta cara ao futuro, polo que de ningunha maneira podemos aceptar nin discriminacións pola súa causa nin que se abran fendas na sociedade común, que facemos entre todos, creando ou promovendo guetos ou espazos estancos. Irresponsablemente estariamos a producir unha freita social que endexamais existiu e que tería
gravísimas consecuencias para o futuro.
4. A convivencia, o respecto e a harmonía deben presidir en todo momento as actuacións que arredor da lingua se desenvolvan, tendo unha cousa presente: un idioma castigado durante séculos, asoballado na súa historia, abaixado na consciencia dos seus falantes esixe un tratamento activo, unha política estratéxica
e decidida por parte do goberno e da administración, accións que o doten de recursos para igualalo con aqueles outros idiomas que non viviron ese proceso.
O rexurdir do idioma galego vai acompañado do rexurdir da autoestima dos seus falantes e dos que como patrimonio común o teñen, da dignidade colectiva e da modernidade do país en todos os seus ámbitos.
5. A situación lingüística da Galicia de hoxe xa non é unha situación diglósica típica, con dúas linguas que se usan para funcións diferentes (galego para usos informais e castelán para usos formalizados); pero tampouco se pode dicir que o uso do galego ou do castelán dependa simplemente do interlocutor. O galego avanzou, pero a súa desproblematización e a súa progresiva conversión en lingua
de uso natural e normal(normalización) levou os contrarios a este proceso a
manchar a palabra normalización, como se significase agresión aos que non teñen o galego como lingua habitual, e a erguer o falso concepto de liberdade, que parecen entender como dereito a non falar nunca o galego.
6. Para superar esta situación cómpre, entre outras medidas, reforzar a presenza da lingua galega no ámbito escolar, con especial atención ás primeiras idades, para que o idioma xurda de seu nos ámbitos máis próximos (na familia e na escola). Cómpre facelo respectando a lingua das familias, procurando con extremo
coidado o afecto e a convivencia naqueles casos en que a lingua primeira non sexa o galego. Mais cómpre unha política activa ao respecto, na procura dunha
capacitación e dun coñecemento real do idioma (non unha utilización litúrxica
do mesmo), promovendo con recursos o seu uso e implementándoo como lingua vehicular doutros coñecementos na escola.
7. O novo clima lingüístico que trouxo a Constitución de 1978 abriu as portas a unha convivencia de linguas. Dende que Galicia ten autonomía política, gobernos de diferente signo tentaron impulsar a recuperación social do idioma centrando as actuacións moi principalmente no ámbito educativo. Mais a política lingüística non pode ficar reducida ás aulas. Aínda que a acción educativa é fundamental para
a conformación das destrezas do idioma e mais para o seu prestixio e o seu recoñecemento no imaxinario social, a acción de uso e os recursos deben
orientarse asemade a outros espazos fundamentais na vida pública: os medios de comunicación de masas, as industrias do lecer e da cultura, as novas tecnoloxías, a
publicidade, a vida empresarial, o funcionariado, a administración pública, a xustiza, a igrexa, a universidade, o mundo do traballo, o comercio, a economía, conscientes
de que a lingua é tamén unha marca de calidade, tarxeta de presentación identitaria
nos espazos da globalización. Traballar a prol da lingua significa concitar, estimular e
avivar todos os sectores que configuran o corpo social.
A Real Academia Galega observa con preocupación os pronunciamentos e as polémicas que, partidarias as máis das veces, nacidas ben do exceso de celo, ben do prexuízo lingüístico, deben ser superadas pola acción dun goberno que
aspire a ser de todos os cidadáns. Tamén resulta preocupante que as primeiras decisións lingüísticas anunciadas pola Xunta de Galicia sexan todas desprotectoras da lingua galega.
Convidamos aos responsables do novo goberno a que escoiten as institucións que, como a presente, veñen traballando de vello polo idioma, con información,
metodoloxía e estudos certos, na procura dun acordo social integrador, a prol do uso, a dignidade e a continuidade do idioma, que debería sustentarse
en catro principios básicos:
1º Compromiso de arredar a lingua galega da controversia
partidaria. A lingua é de todos e todos teñen cabida para acadar o seu pleno uso normal.
2º Impulso do multilingüismo. Na anterior lexislatura potenciouse o trilingüismo en moitos centros escolares (galego, castelán e inglés), que agora podería ampliarse a unha cuarta lingua, sen esquecer o acceso ás linguaxes
das novas tecnoloxías.
3º Reafirmación e desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que no seu día,
por unanimidade, apoiou o Parlamento de Galicia
(Doc. núm. 17629, BOPG núm. 622 do 07.09.04).
4º Compromiso de impulsar unha cooficialidade simétrica dentro da Constitución, na que todos os cidadáns teñan dereitos e deberes co castelán e co galego, única forma de acadar a igualdade cidadá.
Os poderes públicos están obrigados a meditar serenamente a qué escenario queren levar a sociedade galega, tendo sempre presente que a lingua galega
non é un problema, senón unha oportunidade

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas