Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Un cómic de José Fonollosa sobre a viaxe de Darwin no Beagle

26/5/09

Un cómic de José Fonollosa sobre a viaxe de Darwin no Beagle


O bicentenario do nacemento de Charles Darwin atopou a súa celebración particular no mundo do cómic coa “Viaxe de Darwin”, unha serie de cinco cómics de José Miguel Fonollosa que relata a viaxe que serviu de base ao naturalista para a súa futura teoría da evolución das especies.

Darwin con apenas 22 anos embarcou no navío da mariña británica HNS Beagle. A expedición foi unha escusa para afastarse de Inglaterra e dun pai autoritario que quería encamiñar o seu fillo cara á medicina ou ao seminario.

O primeiro volume da "Viaxe de Darwin, Plymouth-Río de Xaneiro", que publica a editorial Planeta conta a primeira etapa desa viaxe, que marcaría a obra do naturalista e a súa propia vida.
Así, o 27 de decembro de 1831, un novo Charles Darwin zarpou dende a costa británica cara a Brasil. O cómic mostra como a tripulación do HNS Beagle vía no pequeno Darwin a un futuro científico e, a pesar de tratalo como á pequena mascota do barco, todos sentían por el un profundo respecto, incluído o capitán Fitzroy, home estrito e autoritario, defensor dunha moral férrea e símbolo da Inglaterra que Darwin deixara atrás. Un home culto que traba amizade con el, por aquel entón, futuro creador da Orixe das especies, obra da que se celebra este ano o 150 aniversario.

"Unha das primeiras cousas que ten que aprender un científico é que nunca pode dar cousas por sentado", afirma o Charles Darwin das viñetas. E é que este e outros axiomas lle levaron a tomar notas, recoller especies, facer un listado de todo o que atopaba, escoitar á natureza.

A primeira etapa remata en Río de Xaneiro, co que Fonollosa quixo "remarcar o choque que supuxo para el, que tiña unha vida resolta e dirixida, atoparse ao outro lado do mundo, e do concepto que se tiña en América da vida humana", en relación á violencia exercida contra os escravos.

O seguinte volume, “Terra de lume”, sairá á venda o próximo mes de xullo e contará o paso de Darwin pola Patagonia.

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas