Blog da Biblioteca do IES de Curtis: A galiña azul

20/8/09

A galiña azul

Estes días anda o pobo un pouco alborotado. Acórdaste dun rapaz que se chama Lorenzo e que andaba sempre na compaña dun can pequeniño de rabo zuro? Pois Lorenzo ten unha galiña azul con cinco plumas vermellas na á dereita.É unha galiña moi bonita e moi rara. Pon ovos de colores. Xa puxo dous marelos, un rosa e tres verdemar. Ademais non di cacaracá como as outras galiñas, senón que di cocorocó. E isto ten preocupadas as autoridades.Tan preocupadas as ten que hai catro días chegoulle un oficio a Lorenzo pedíndolle que entregase a galiña polas boas. Lorenzo negouse, porque aínda que lle din que só é para que a vexa un veterinario, o certo é que, segundo dixo o señor Casimiro, o porteiro do Concello, a galiña vana matar.O alcalde, Manolito Listón, dixo nunhas declaración que fixo para a televisión e para os xornais, que non se podía tolerar a existencia dunha galiña azul, porque, segundo Manolito Listón, unha galiña azul que pon ovos de colores e que di cocorocó en vez de cacaracá non é unha galiña como é debido.O caso é que o pobo anda todo alborotado e o pobre Lorenzo non levanta cabeza.Antes paseaba todo contento coa súa galiña pola rúa, pero agora está na casa e algúns din que a galiña a ten disfrazada de branco para que non lla coñezan. Pero de certo, pouco se sabe.Eu non sei que vai pasar, porque os veciños están de parte de Lorenzo e da galiña. Non teñas pena, que xa che contarei en que queda isto.Lorenzo encárgame que che dea lembranzas del e da súa galiña azul.
Sabes que se arranxou o asunto da galiña azul de Lorenzo?Verás. O día aquel que che escribín contándoche todo, resulta que a iso das cinco da tarde chegaron os gardas a buscar a galiña azul, de parte de Manolito Listón. Ía moito sol e podía ser un día ben ledo se non fose pola pena que tiñamos todos.A xente congregouse diante da casa de Lorenzo. Habería para aí máis de mil persoas. Eu tamén fun.A que non adiviñas o que pasou? Pois o día anterior discorreu que a mellor maneira de arranxar as cousas sería tinguir de azul todas as galiñas do lugar, pintándolles de vermello cinco plumas da á dereita e despois soltalas arredor da galiña azul de Lorenzo. Como nós non temos galiñas na casa, eu fun mercar unha á feira de Allariz e tinguina de azul tamén.Cando chegaron os gardas, atoparon tanta galiña igual que non sabían cal era a de Lorenzo.Só houbo un pequeno despiste. Foi cousa de Leoncio, que se trabucou e apareceu cunha galiña pintada de vermello. Cando lla viron os gardas, queríanlla matar. Se o vises escapar coa súa galiña debaixo do brazo e berrando: "Para gustos fixéronse colores!"Agora o Manolito Listón di que cando chova se vai arranxar, que as galiñas han perder o tinte e que entón, xa veremos... Pero polo de agora vai moita calor e temos o verán enteiro por diante.De momento, Lorenzo anda amestrando a galiña para que, ao menos en público, aprenda a dicir cacaracá en vez de cocorocó.Claro que a xente do lugar ten un contrasinal para coñecer a verdadeira galiña azul. Xa cho direi cando veñas.

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas