Blog da Biblioteca do IES de Curtis: O estranxeiro

20/12/09

O estranxeiro




A casa estoupou e un estranxeiro agarda debruzado na soedade da herba cabreira, onde recoñeceu o seu espírito. A luz cruel do lugar incendia de prata os seus cabelos enquirquillados. O que fica non é ruína, nin entullo, nin po, senón ouvido devastado pola corrosión das píntegas, extenuado silencio, paredes en pé de flaxelación. El, a quen non amo como irmao, senón como herba, non sabe o que facer co estouro e segue debruzado, agardando pola señora. "Non ha de vir", ouve el, "nunca máis". E a voz acalca na cerna da trabe que apodrece nas súas orellas guichas. "Apura e constrúe a casa á túa vontade, bebe nas augas extintas, funda a túa secta, ergue a cabeza, déixate ir no río de asfalto e avanza". Pero el segue aí, debruzado, petrificado de luz, encarnado na desolación. Agora dá en chover.

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas