Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Modelo canónico da literatura española infantil e xuvenil do século XX

10/2/10

Modelo canónico da literatura española infantil e xuvenil do século XX



Segundo ditaminaron 19 expertos, de cara ao I Congreso Iberoamericano de Lingua e Literatura Infantil e Xuvenil que se celebrará a finais de mes en Santiago de Chile, Fernández Paz e , xunto con Xavier Docampo, dos autores fundamentais dentro do conxunto do Estado.

Este grupo de expertos escolleu once obras que consideran as máis representativas do século XX, entre as que se contan Contos por palabras, de Fernández Paz, e Cando petan na porta pola noite, de DoCampo, libros que non foron escritos orixinalmente en castelán.

Contos por palabras son relatos curtos baseados “nos anuncios por palabras que había antes nos xornais”, asegura Fernández Paz. Lembra que ao lelos, pensaba que detrás de textos como 'Urge manicura' habería grandes historias, así que optou por inventalas. “Escribín unha chea, pero ao libro só chegaron as mellores”, lembra o seu autor.Cando petan na porta pola noite, pola súa banda, é unha “recuperación do estilo que empregaban en Galicia os narradores de sucedidos, como o pai do propio Xabier DoCampo, quen asegura: "É algo propio do país, pero literaturizado e armado coas miñas propias historias”.

3 comentarios:

Diversificacion dijo...

Referente indiscutíbel da nosa literatura infantil e xuvenil, a obra de Agustín Fernández Paz vai para medio cento de títulos. Hoxe é un dos narradores galegos máis lidos, galardoados e traducidos. Comprometido coa renovación pedagóxica e coa normalización lingüística na escola, participou en numerosos proxectos didácticos. Entre os abondos premios que recibiu destacan en 2007 o da Asociación de Escritores ao volume de relatos O único que queda é o amor, Premio de Literatura Infantil e Xuvenil do Estado.
A extensa produción de Agustín Fernández Paz é espello, segundo considera o propio autor, da súa loita por lograr un status digno para a literatura infantil e xuvenil. Non só está pensada para xente cativa e moza, senón tamén para interesar o público adulto. Case toda foi traducida e hoxe hai libros seus editados en portugués, castelán, catalán, éuscaro, bable, francés e mesmo árabe ou coreano.

Loli dijo...

Perito Industrial Mecánico, Mestre de Ensino Primario e Licenciado en Ciencias da Educación, Fernández Paz traballou como profesor de EXB en diferentes centros e actualmente exerce de profesor de Lingua e Literatura Galega no IES Os Rosais 2 de Vigo. Participou no Gabinete de Estudos para a Reforma Educativa da Consellería de Educación (1988-1990). De 1990 a 1995 traballou como Coordinador Docente de Galego. Hoxe é membro da Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega e asesor do Programa SOL, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez. Ademais é codirector da colección Merlín de literatura infantil e xuvenil, editada por Xerais.
A traxectoria profesional de Fernández Paz estivo sempre estreitamente relacionada coa renovación pedagóxica. Foi membro fundador dos colectivos Avantar e Nova Escola Galega. Interveu na elaboración dunha longa lista de material didáctico e libro de texto, como as series Nobelos de Papel (para o ensino global en galego no Ciclo Inicial), ¡Ámote, mundo!, Canles (a edición para quinto curso recibiu o Premio Emilia Pardo Bazán do Ministerio de Cultura para libros de texto non sexistas), Labia, O noso galego e Lingua Galega. Colaborou con diversos textos en xornais e revistas como As Roladas, Cuadernos de Pedagogía, Revista Galega de Educación, CLIJ, Signos ou a Revista Galega do Ensino, onde levou a sección “O pracer de ler”. Estes artigos dan conta de temas como a normalización lingüística no ensino, a promoción da lectura, a literatura infantil ou os medios de comunicación como ferramentas para o ensino.

Loli dijo...

As súas historias son unha constante demostración de capacidade imaxinativa, abordando unha gran diversidade de temas baixo as modalidades de novela e relato. A súa primeira obra é A cidade dos desexos (1989), novela de vocación ecoloxista como a segunda, As flores radioactivas (Premio Merlín 1990), baseada nas loitas do 82 para o cese dos verquidos da Foxa Atlántica. O arrecendo das flores mutantes ten un efecto insólito nas súas vítimas: fainas aborrecer da violencia.
Son novelas de medo Cartas de inverno (Premio Rañolas 1995) e Aire negro (Lista de Honra do IBBY 2002 e Premio Protagonista Jove 2002). A primeira delas dá conta do misterio que se agacha entre as cartas do pintor Adrián Louzao, nas que fala dos estraños sucesos que lle acontecen desde que se trasladou á súa nova casa; pola súa banda, Aire negro narra a historia desacougante que se desata cando o protagonista, o psiquiatra Víctor Moldes, comeza a tratar unha paciente autista.
O centro do labirinto (1997) é unha novela de anticipación que contén unha afervoada defensa das linguas minorizadas; Rapazas (1993) e Trece anos de Branca (Premio Edebé 1994) son historias realistas de punto de vista feminino. Noutros títulos recréanse atmosferas reais nas que se insire un elemento fantástico, como en Amor dos quince anos, Marilyn, Avenida do Parque, 17 ou As fadas verdes; outras historias constrúense a partir do humor e a ironía, como Contos por palabras e O laboratorio do doutor Nogueira.
Nos últimos anos viron a luz varios títulos de grande éxito de crítica e de vendas: No corazón do bosque, O meu nome é Skywalker (premios Barco de Vapor 2003 e White Ravens 2004), Tres pasos polo misterio, A escola dos piratas (Premio Edebé 2005), Raquel ten medo, ou Corredores de sombra (Premio Frei Martín Sarmiento 2006), novela xuvenil de misterio que relata as pescudas de Clara Soutelo a raíz da descuberta, no interior dunha parede do pazo familiar, dun esqueleto cun furado de bala na cabeza.

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas