Blog da Biblioteca do IES de Curtis: A AELG premiou ás mellores obras editadas en 2009

19/4/10

A AELG premiou ás mellores obras editadas en 2009


A Asociación de Escritores en Lingua Galega entregou esta fin de semana en Compostela os premios ás mellores obras publicadas en 2009 en oito categorías e á institución que salientou na defensa da cultura do país no decurso da xa tradicional Cea das Letras. Os premios xa se van consolidando como uns dos de máis prestixio da nosa literatura.

Na categoría de Ensaio resultou gañadora a obra Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero e publicada por Xerais. En Literatura Infantil e Xuvenil recibiu o galardón Agustín Fernández Paz, con Luz do Senegal (Xerais). A obra poética premiada foi Deter o día cunha flor, de Luz Pozo, editada por Baía.

A distinción na categoría de Narrativa foi para Xosé Cid Cabido, por Unha historia que non vou contar (Xerais), en Teatro para Rubén Ruibal, por Delimvois (Xerais/IGAEM), e en Tradución para Bartug Aykam e María Alonso Seisdedos, por O museo da inocencia, de Orham Pamuk (Galaxia).

Manuel Rivas recibiu o premio á mellor traxectoria xornalística e Manuel Bragado polo mellor blog literario, outorgado a Brétemas. A institución distinguida este ano foi o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, mentres que o premio ao Escritor Galego Universal foi para Juan Gelman.

Os premios decidíronse conxugando os votos emitidos por unha primeira quenda polas persoas asociadas á AELG, coa participación de Gálix para escoller a mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil e do CPXG para a categoría de Traxectoria xornalística. Nunha segunda quenda elixíronse as obras gañadoras entre unha listaxe de finalistas que saíu da primeira fase.

Premios da Crítica Española
Por outra banda, tamén se coñeceron os gañadores dos Premios da Crítica Española, que concede a Asociación Española de Críticos Literarios. En lingua galega foi tamén premiada Luz Pozo Garza, na categoría de poesía, por Deter o día cunha flor, mentres que a Xabier Quiroga foille concedido o premio de narrativa, por O cabo do mundo

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas