Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Suso de Toro

30/4/10

Suso de Toro


E cando se nos critica aos escritores galegos por permitir que se editen os nosos libros en castelán o que se pretende é ternos encerrados. Porque, débenmo crer, temos que ler e ouvir esas críticas: "Ten moita présa por ser traducido", "cada vez deixa menos meses entre a edición en galego e en castelán", "o que quere é triunfar en Madrid"... Persoas que seguramente non len os libros de un e que mesmo os combaten síntense con autoridade moral e dominio sobre un. A miseria interiorizada pola nosa cultura crea unha policía política que persegue a nosa pureza. Vivir da literatura, un pecado. O castelán, vaites co pecado mortal! Ser escritor galego é apandar cunha carga ética e moral en por si, sabiámolo e asumímolo. Aínda comprobamos logo que a sociedade, sobre todo en momentos de crise, agardaba dos seus escritores que cumprisen un papel alén de escribir versos e historias. Agora ben, non hai por que aturar a carcereiros voluntarios. En fin, que todo cansa.
Sobre todas estas cousa teño escrito e está recollido en libros, fun pasando a palabras a experiencia como escritor, a carón dos libros de ficción fun ofrecendo as reflexións: F.M., Parado na tormenta, A carreira do salmón, Ten que doer, Outra Galiza... Quen teña lido algún deses libros non levaría sorpresa polas miñas conclusións.
Moitas causas para explicar canseira, tamén por que habemos negalo, a conciencia de que a relación particular do autor coa literatura galega nunca cambiará. Pasan as décadas e son, e han ser, as mesmas que estableceron mutuamente cando empezou a publicar. Un autor só ten a palabra, a que publica, logo son as persoas que len quen deciden se existe ou non. Fun autor afortunado, os meus libros tiveron e teñen o alento dos lectores, non lles podo estar máis agradecido. Porén este autor vén desde o comezo custionando o establecemento cultural e literario, e o establecemento lóxicamente opúxolle e oponlle resistencia ao autor.
O autor coñécese e sabe que non pode cambiar a súa natureza nin o seu destino, sabe que os observadores da literatura que se comprometan cos seus libros sempre serán persoas que vivan fóra ou nalgunha marxe, ora desde Barcelona ora desde Nova York. Sabe que está no seu que o maior coñecedor da súa obra sexa un estudoso aragonés que exerza de profesor na universidade estatal de Colorado. Como está na propia natureza o terse significado en temas sociais e posicións políticas, co lóxico coste (quen mide ese coste?). A un cánsalle ser un.
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Mutis/explicado/elpepiautgal/20100430elpgal_16/Tes/

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas