Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Pierre Michon, Gran Premio da Academia Francesa

4/5/10

Pierre Michon, Gran Premio da Academia Francesa

Fais uns días mercamos a novela de Pierre Michon Os once, será unha desas lecturas compartidas co meu amigo Xaime. Aquí vos deixo unha reseña da Editorial Galaxia onde se atopa publicada:

"O escritor Pierre Michon, un dos escritores xa míticos da narrativa francesa actual, acaba de ser galardoado co gran premio de novela da Academia Francesa pola súa nova novela ‘Os once’, que Editorial Galaxia porá á venda a mediados do próximo mes de novembro dentro da colección Biblioteca Compostela de Narrativa Europea, que conta co apoio da Concellaría de Cultura do Concello de Santiago.

Editorial Galaxia continúa a súa liña editorial de achegar a lectores e lectoras galegos as novidades internacionais de maior actualidade e interese literario. Desta volta trátase de Pierre Michon (Creuse, 1945), un dos grandes autores franceses contemporáneos, unha figura xa mítica no ambiente literario francés, onde é coñecido por ser un dos escritores máis esixentes desde o punto de vista literario pese a manterse afastado dos cenáculos literarios parisinos. O autor acadou sona internacional con Vies minuscules, libro de relatos que publicou aos 37 anos. Na súa nova novela, ‘Os once’, conta a historia dun cadro exposto no Louvre e no que aparecen os membros do Comité de Saúde Pública durante a Revolución Francesa. Michon reconstrúe na novela a historia deste cadro e do momento histórico que aparece reflectido nel.

En ‘Os once’, a novela premiada agora pola Academia Francesa e que Galaxia vai publicar o mes próximo, Michon conta a historia do pintor François-Élie Corentin, a quen en plena Revolución Francesa lle encargan pintar un cadro no que aparezan retratados os membros do temido Comité de Saúde Pública, entre os que se encontraban Robespierre e Saint-Just, organismo que levou adiante a denominada política do terror. Nesta viaxe no tempo á que Michon arrastra ós seus lectores grazas á forza de evocación do relato, o escritor francés realiza unha crítica desapiadada do poder para, fronte os grandes persoeiros da Historia, situar as súas vitimas. ‘Os once’ recrea maxistralmente o París revolucionario, retrata os protagonistas da revolución e critica a Arte que se pon ao servizo do poder político."

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas