Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Porto, o encanto das súas librarías (I)

11/8/10

Porto, o encanto das súas librarías (I)

Livraria Latina Editora

Libraría na rúa Santa Catarina fundada por Henrique Perdigão en 1942, que ten na esquina da súa fachada un busto de Luís de Camoes, un dos maiores poetas en lingua portuguesa.
O seu fundador consideraba a Latina como «a máis moderna organización libreira e editorial do país». Alí podíanse atopar «libros de todo e para todos, sobre Letras, Filosofia, Artes e Ciencias e tamén tratados de Medicina, Ciruxía, Enxeñaría, Dereito, industrias téxtiles, metalúrxicas e eléctricas, contabilidade comercial, etc.» Vendía ás agachadas e con gran risco libros políticos e outros prohibidos polo réxime de Salazar, que incluían autores como Jorge Amado, Raul Rego, Henrique Galvão, Aquilino Ribeiro...
A el débese a iniciativa da primeira páxina literaria nos xornais de Porto, publicada en O Primeiro de Janeiro baixo a dirección do xornalista Jaime Brasil. Morreu prematuramente en 1944 nunha das súas viaxes a Brasil, país co que mantiña unha estreita relación afectiva, para comprar libros que divulgaría en Portugal.
Sucedeulle o seu fillo, Mário Perdigão, que mantivo intacta a Latina durante 53 anos, ata que foi renovada no ano 2004 por Henrique Perdigão, neto do fundador.
O novo espazo con materiais como a madeira e o aceiro, mantén unha espectacular parede repleta de libros.

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas