Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Todo é silencio - Manuel Rivas

12/10/10

Todo é silencio - Manuel Rivas

Manuel Rivas presentará oficialmente o seu novo traballo en Santiago de Compostela nun acto que terá lugar o vindeiro xoves día 14 ás 19.30 na libraría Couceiro, na Praza de Cervantes. Durante o acto intervirán o propio Manuel Rivas, a cantante Iria Peña e os guitarristas Gastón Rodríguez e Miguel Ladrón de Guevara e o editor Manuel Bragado.

"Todo é silencio" narra o irresistíbel ascenso social de Mariscal, un capo contrabandista, e das almas que habitan Brétema, o universo que domina ao seu antollo. En Brétema, na costa atlántica, houbo un tempo en que as redes do contrabando, reconvertidas ao narcotráfico, acadaron tanto poder que estiveron moi preto de controlar o poder social e as institucións. Todo é silencio narra tamén a vida dun grupo de amigos, aos que une dende a infancia o andar á crebas, á procura de restos de naufraxios, no escenario sempre sorprendente do mar de Galicia. Ese mar que fala cos signos que deita na beira. Dende moi pronto, o destino da xente nova estará determinado pola sombra odiosa e engaiolante a un tempo do omnipresente Mariscal. Unha novela, Todo é silencio, que relata como os círculos do crime rodean e corrompen, non sempre con éxito, o extraño feitizo da condición humana.

Co libro de Rivas, Xerais bate unha marca histórica ao convertérense os 12.000 exemplares de saída na tirada inicial máis alta da historia da editorial.

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas