Cada certo tempo xorde unha obra revolucionaria que confirma a categoría do cómic como novena arte. É o caso de Asterios Polyp (Sin Sentido) de David Mazzucchelli, gañadora de tres premios Eisner (Mellor Obra, Autor e Rotulación) e tres Harvey (Mellor Número Único, Mellor Álbum Gráfico Orixinal e Rotulación).
Asterios Polyp é froito do traballo de 10 anos dun dos grandes do cómic americano, que saltou á fama grazas ás súas colaboracións con Frank Miller en Batman: Ano Un e Daredevil: Born Again e que, en pleno éxito decidiu dar un xiro total á súa carreira e ao seu estilo para embarcarse en proxectos máis persoais, como a adaptación de Cidade de cristal de Paul Auster.
Asterios Polyp é unha historia apaixonante dun home en busca do amor, a cordura, e as boas proporcións arquitectónicas. O protagonista é un home de mediana idade cunha carreira pouco satisfactoria como arquitecto e profesor, a vida do cal cambia completamente cando o seu apartamento de Nueva York se incendia, a partir de aí lánzase a unha viaxe cun propósito que descoñecemos e durante a que a súa vida se desvela ante os nosos ollos a través de numerosos flashbacks. En definitiva unha sátira sobre o amor, os mitos gregos e a arte moderna.
No hay comentarios:
Publicar un comentario