Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Curtis, Xavier Rguez. Baixeiras

29/11/10

Curtis, Xavier Rguez. Baixeiras

Quero escribir o nome: Café-Expres. Está en Curtis. 
Curtis...Alá polo ano 1971 visitei tal vila en compaña dos artistas Lourdes Dans e Xusto Moreda. Pouco despois, voltei de novo, pero, por desgraza, para algo ben diferente: o enterro de Lourdes, aquela gran muller, magnífica esmaltista, irmá da pintora María Antonia. Lourdes, coma Xusto, eran, sobre todo, dous amantes da vida, capaces de transmitir entusiasmo por todo o que era auténtico, sinxelo, natural. Un paseo polo campo de Curtis, unha tortilla preparada por Xusto, uns grelos apañados por Lourdes, unha empanada da vila comprada polo seu consello, un almorzo con manteiga das de entón e, finalmente, unha visita á feira representaban para min, e para calquera persoa que coma min amase a vida, todo un agasallo. Lembro que non nos decidiramos a erguirnos para a feira dos queixos por se celebrar ás “cinco da mañá”........O queixo de Curtis: punto e á parte.

Comer no Exprés vén sendo algo así como irromper na intimidade dun encontro de familia. Pero cunha diferenta: un nunca se sente culpábel .Entra, transmite o seu desexo de xantar, pide un vaso no mostrador, acompaña cuns callos, ou cunha excelente tortilla de pescada....,e , cando lle prace, entra no comedor, ou mellor, nos comedores, pois hai dous, un que debe de ser de cando se inaugurou a casa, alá polo 38, e outro moderno. Entón séntese onde se sente, é afabelmente –sen empacho, de forma natural- recibido por unha voz suave e modesta- pero profesional- que lle recita as viandas familiares: polbo, arroz con mexillóns, arroz con riles, carne asada...Pero, cando chegan,¡que polbo, que carne, que patacas...! ¡Canta verdade hai nesta cociña que, a un prezo xeneroso, nos ofrecen os irmáns Vázquez Estraviz e dona Pilar Estraviz ao pé da vella estación de Curtis!.....

                                                                                                        Diario de comidas

1 comentario:

curtisbiblio dijo...

Cantas formas distintas hai de ver o mundo.

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas