Con esta actividade preténdese defender a idoneidade do uso do galego no campo da ciencia e da tecnoloxía no marco do proxecto colaborativo "Xornada pola Ciencia en Galego" que se vai celebrar o vindeiro 4 de novembro de 2010.
Traballarase concretamente o campo da tecnoloxía, e trataremos de dar a coñecer e difundir vocabulario técnico existente na nosa lingua, perfectamente válido para expresar e difundir tecnoloxía.
No ensino, o feito de afastar do galego determinadas materias do ámbito científico-tecnolóxico pode provocar a perda de vocabulario propio, xa que as linguas abarcan tódolos ámbitos e contextos. Para un bo coñecemento da lingua propia cómpre a súa utilización en calquera ámbito sen exclusión.
Non pretendemos facer un rigoroso glosario de termos, senón unha simple colleita de léxico tecnolóxico en galego de uso común que cómpre empregar e difundir.
A colleita farase a través dun formulario web aloxado en tecnoloxia.org, comezaremos recollendo aquela terminoloxía propia do galego utilizada no campo da tecnoloxía. Calquera persoa pode participar.
Unha vez teñamos recompilado suficiente léxico será hora de traballar con el na xornada do 4 de novembro. Na sección de propostas de actividades atoparás algunhas ideas de traballo e tamén podes enviarnos as túas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario