Blog da Biblioteca do IES de Curtis: A guerra dos Números

28/1/11

A guerra dos Números

Texto e ilustracións: Juan Darién


UN era un número moi pequeno. Sempre estaba só e sentía envexa dos demais, que tan superiores lle parecían. Un día, o Rei Menos deulle os planos para construír unha arma terrible: o Signo MENOS.

Facendo un uso simbólico e metafórico da operación matemática de restar, Juan Darién achéganos á loucura das guerras orixinadas por mor da crenza, de que todo aquilo que é diferente supón unha ameaza. Esta obra dedícase a desarmar semellante falacia e pon o acento en afirmar que o coñecemento dos outros enriquece e engrandece: non resta, suma.

Darién fai unha proposta iconográfica de marcada ambientación bélica a través dunha técnica de representación —colaxe dixital— de estrutura simple e formas primarias, multiplicadas baixo os efectos dun tratamento plástico-construtivo tan elemental como efectivo desde o punto de vista cromático.

Un conto para a paz que manexa conceptos como o da escravitude, o abuso, a resolución de conflitos..., pero tamén unha ferramenta didáctica para se familiarizar con códigos e procesos matemáticos.


Para iso, faise uso dun expresivo xogo tipográfico reservado aos personaxes principais, o que reforza a comprensibilidade dunha proposta que tenta tamén achegar conceptos matemáticos a lectores pouco avanzados e que, en calquera caso, nos permitirá gozar dunha disciplina que se vai comprendendo a medida que se fai uso dela.


E todo nun envoltorio repleto de valores universais como a liberdade, a paz, e o respecto aos demais e á diferenza.

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas