Encontro literario con Xulia Alonso
A  actitude que me impresionaba na miña avoa Rosa, o que me facía mirala,  escoitala, prestarlle toda a miña atención sen saber exactamente o por  que era a súa dignidade, a súa capacidade de reivindicar o dereito á  memoria, de non renegar, de non ocultar, de non esquecer, de lembrar en  voz alta nomes e acontecementos que entón se escondían na sombra do  silencio.
Xulia Alonso. Futuro imperfecto ISBN: 978-84-9865-317-5
Coa mesma actitude digna e valente da  avoa Rosa, Xulia Alonso, autora de Futuro imperfecto que o martes  visitará o noso centro, cóntanos a historia da súa vida.
Unha  historia na que non dubida en relatarnos a súa baixada ao Inferno das  drogas que gobernaron por un tempo a súa vida e as súas decisións.
Amor  e morte percorren as páxinas desta obra. A forza do amor non é quen de  impedir a morte, pero permitiralle a Xulia transformar a Nada e  reconstruír os elos entre pasado e presente para legarlle a Lucía e a  todos nós unha historia chea de vida.

| Editorial: Galaxia | |
| Colección: Literaria |  |
| 248 páx. | |
| Rústica con lapelas | |
| PVP: 15.00 € | |
| ISBN: 978-84-9865-317-5 | |
| Data publicación: outubro 2010 | |
| 1ª Edición | 
Opinan os seus lectores de 4.º ESO:
Xulia Alonso, autora de Futuro imperfecto,  cóntanos no seu primeiro libro a súa historia de amor e o mundo das  drogas. Escríbeo para Lucía, coa intención de “deixar ao tempo facer o  seu traballo sen medo a esquecer”.
A estrutura da novela é sinxela:  escrita de maneira testemuñal e a través da propia experiencia persoal,  dirixe o libro a Nico, o seu gran amor. Ao longo da narración vai  incorporando lembranzas da súa infancia a través de numerosos flash-back  que contribúen a manter a tensión dramática e permiten entender as  relacións familiares. Nestas pasaxes ocupa un papel principal a avoa  Rosa, á que Xulia admira pola súa fortaleza.
Relátase a fin dos 70,  durante a saída da dictadura,  unha época de cambios, grandes  expectativas e liberdade. Xulia vai estudar a Santiago e séntese  indestrutible, iso, xunto coas súas ganas de explorar novos mundos, é o  que fai que entre en contacto coa heroína. Aínda que supera a súa  adicción, as drogas deixaranlle unha carga de por vida, o virus do VIH.
O  libro é un percorrido pola loita conxunta da parella, que non evita que  Nico morra, perdendo a infancia da súa filla Lucía que só ten catro  anos.
Xulia continúa falándolle a Lucía de Nico, compartindo con ela  moitos recordos, intentando dalgún xeito solventar a ausencia do pai e  establecendo unha especie de unión entre eles.
Futuro imperfecto é  unha lección de vida, superación e valentía. Todo o mundo comete erros, o  de Xulia tivo un custo demasiado alto, pero segue loitando día tras día  e iso é digno de todo o noso respecto e dunha gran admiración.
Andrea Vila Fariña. 4.º ESO
Gustoume moito porque Xulia é valente e conta cousas realmente duras. Tamén porque nos achega un pouco máis a ese mundo que é o das drogas e fainos conscientes dos riscos que se corren.
Sonia Peteiro Paredes
Gustame como a autora narra a relación  de Nico coa súa filla Lucía, o que Nico sentia ao entrar na casa e vela,  como o facía revivir e esquecer a enfermidade.
Hai partes moi duras  como a morte de Xoán, un personaxe do que  me sorprendeu a súa morte  repentina, xa que era o maior apoio de Nico canto á súa saúde.
Laura Abucide García
O que máis destacaría de Futuro imperfecto é a forza dos protagonistas e o amor que se profesaban entre eles e tamén a Lucía.
Resultoume  moi interesante a parte na que se relata a chegada a Santiago de Xulia e  dos estudantes da súa xeración, como consumían a súa dose de heroína e a  claridade coa que Xulia o conta.
David González Vázquez
Impresionáronme as ganas de vivir, de seguir adiante, de loitar polo que se quere conseguir que transmite a autora. Con este libro aprendes que, pase o que pase, non te debes render, que hai que loitar ata máis aló, xa que poucas cousas nesta vida son imposibles.
Patricia Sánchez Seoane
Enganchoume dende o primeiro capítulo ata o remate; non sabería dicir algo que me gustara menos.
Verónica Novo Vilela
Gustoume moito a forza que transmite, as ganas que tiña de afrontar as drogas, as ganas que tiña de volver vivir unha vida normal, os tres xuntos, ela, Nico e a súa filla Lucía.
Magalí Carla Villamor Santolaria
Ao principio sempre me custa meterme nas historias e, neste caso, tamén foi así. A medida que avanzaba a narración estaba ben, sen parecerme extraordinaria, pero, sen dúbida, o final conmocionoume.
Alex Rei López
Sen dúbida o que máis me gustou de Futuro imperfecto foi a valentía coa que Xulia conta a historia e como decide tirar para adiante, basicamente pola súa filla, Lucía.
Paula Varela López
É admirable a valentía e a naturalidade coa que conta algo tan forte como foi a súa vida. Móstrase como unha persoa moi valente que, malia a enfermidade, segue adiante.
No hay comentarios:
Publicar un comentario