Baixo o lema A EDUCACIÓN NON É UN CONTO: POLOS DEREITOS DAS NENAS E AS MULLERES, millóns de persoas en todo o mundo mobilizaranse para recordar aos líderes políticos as dificultades que millóns de nenas e mulleres teñen para acceder a unha educación de calidade e para pedirlles que tamén recorden e cumpran o seu compromiso de destinar os recursos necesarios para facer realidade a Educación para Todos e Todas en 2015.
Para iso, a actividade central da SAME 2011 (Semana de Acción Mundial pola Educación) consistirá na GRANDE HISTORIA, é dicir, na elaboración dun gran libro de contos escritos por alumnos, alumnas, docentes e personalidades destacadas do mundo da interpretación nos que se reflicta como o acceso á educación -ou a falta desta- poden marcar a vida das mulleres e das nenas.
En España, a Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME) desenvolverase do 11 ao 17 de abril. Os contos elaborados polos alumnos e alumnas, docentes e todas as persoas participantes, presentaranse nos actos que celebremos en toda España, nos que, ademais, faremos chegar as peticións aos representantes dos gobernos locais, autonómicos e do goberno estatal para recordarlles os seus compromisos. Desta forma, unirémonos á mobilización mundial que estará a ter lugar ao longo e ancho do planeta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario