E rematou a nosa Semana Cultural... Dende aquí queremos dar as grazas a todos os relatores e relatoras que, desinteresadamente, colaboraron connosco. Entre eles, Malú Bergantiños, unha das últimas relatoras da semana e responsable de comunicación de R, que nos explicou por que a súa empresa aposta polo galego. Velaquí algunhas das ideas que achegou na súa intervención:
R defende, dende a súa creación, o uso do galego como idioma de relación fundamental cos seus clientes e coa poboación de Galicia en xeral, e tamén como sinal de identidade intimamente ligada á marca e aos valores de innovación e desenvolvemento de Galicia. Para eles a lingua non é unha estratexia de mercado senón un trazo máis do seu xeito de ser que convive harmonicamente co resto dos sinais da identidade da empresa. Foron quen de incorporalo con naturalidade ás comunicacións empresariais, sen traumas nin balbordos, sen facer disto un acontecemento especial, respectando ocos para outras linguas e insistindo nas posibilidades do idioma para todo tipo de comunicacións, accións publicitarias e reclamos empresariais.
Consideraron que, ademais de tecnoloxía punta, cumpría apostar polo propio a todos os niveis, crer no que nos une aos de aquí e que nos diferencia do resto, confiar na forza que temos para quitar adiante os nosos proxectos e, sobre todo, querer a Galicia e estar orgullosos dela. A lingua é, sen dúbida, un dos sinais que nos vencella coa terra, que nos enriquece e distingue dos demais, que nos identifica fóra e que lle achega un valor engadido a todo o que facemos. Por isto, a aposta de R por Galicia e polo galego é permanente e incuestionable.
Consideran que “É máis importante o que es que o que vendes” e que por iso, “ a identidade da empresa, o seu valor engadido e diferencial gañaralle sempre a partida á mellor das campañas publicitarias”.
Grazas, R, por sentirte galega e grazas, Malú, polo teu bo facer e a túa profesionalidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario