Xavier Queipo gaña o Xerais de Novela 2011 con ‘Extramunde’
Xavier Queipo, Héctor Carré e Anxo Fariña |
O fallo dos prestixiosos galardóns fíxose público no marco dun acto que tivo lugar na Illa de San Simón e ao que asistiron máis de 300 persoas
Un ano máis, e xa van 28, hai un novo gañador do prestixioso Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros. O galardoado nesta edición foi o escritor santiagués Xavier Queipo, pola súa obra Extramunde. Asemade, a editorial tamén declarou a Anxo Fariña como gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil –por A chave da Atlántida– e a Héctor Carré do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil pola súa novela Febre.
O fallo fíxose público no marco dun acto literario-musical, ao que seguiu unha cea ao aire libre na illa de San Simón. Á velada asistiron máis de 300 persoas, entre as que se atopaban Roberto Varela, conselleiro de Cultura e Turismo; Javier Bas, alcalde de Redondela, ou Francisco López, director xeral do Libro, Arquivo e Bibliotecas.
O acto foi amenizado por O Leo i Arremecághona, o cantante de Matamá, e contou coa intervención de María Xosé Queizán, que rememorou as trobairitz, as donas occitanas que no século XII compuxeron cantigas na lírica medieval, unha xoia literaria que tería repercusión na cantiga de amor galega. Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que agradeceu a axuda proporcionada polos patrocinadores dos premios.
ÉXITO DA VIOLENCIA
A novela gañadora, Extramunde, foi valorada polo xurado como “un exemplo de calidade na escrita, na que destaca un arranque espectacular e a súa plasticidade”. O texto conta a historia dunha hoste de condenados pola Santa Inquisición, formada por eivados e torturados, que parte do santuario dos embruxados cara ao porto de Betanzos, guiados pola man do capitán Mourelle.
“A violencia terrible, o exorcismo brutal e o sexo constitúen algúns dos eixos temáticos desta excelente novela que encandila e atrapa ao lector coa súa poética expedicionaria”, apuntou o xurado na súa valoración.
Pola súa banda, o escritor e cineasta Héctor Carré sinalou que o éxito de Febre –que conta a historia dun tempo no que o wolframio era o ouro galego– foi escrita para a filla da súa muller “porque non me gustaba o que lía na escola”.
Con respecto a Anxo Fariña, este mostrouse “contentísimo” polo éxito de A chave da Atlántida, unha novela de ciencia ficción que na que mestura os mitos desa civilización antiga coa biotecnoloxía e a robótica.
12/06/2011 - 13:55 h
No hay comentarios:
Publicar un comentario