Blog da Biblioteca do IES de Curtis: No niño novo do vento

8/9/11

No niño novo do vento

O Pazo de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco) acolle dende este xoves a mostra itinerante 'No niño novo do vento. Cen anos con Alvaro Cunqueiro 1911-2011', coa que se conmemora o centenario do nacemento do escritor mindoniense.

Esta exposición, promovida pola Consellería de Cultura e Turismo, a Editorial Galaxia, a Fundación Penzol e o Concello da Coruña, inclúe todo tipo de fondos documentais, obxectos persoais, manuscritos e primeiras edicións das súas principais obras.

'No niño novo do vento', que estará aberta ao público durante todo o mes de setembro, estrutúrase en cinco apartados nos que se describe o universo de Cunqueiro a través de elementos como a reprodución do seu escritorio de traballo, a narración biográfica no seu contexto histórico ou a exhibición de materiais "de grande valor tanto emocional como patrimonial, sinala a Consellería de Cultura nun comunicado.

Así mesmo, un espazo audiovisual reproduce en vídeo distintos documentais, entrevistas e gravacións das súas obras teatrais e dous computadores con pantallas interactivas permiten a consulta de datos, fotos e bibliografía. Como material complementario editouse un catálogo sobre os contidos da exposición.

En total, a mostra está composta por 16 paneis de textos informativos e imaxes nas que se fai un percorrido pola vida e obra de Alvaro Cunqueiro. Así, en oito vitrinas preséntase unha selección bibliográfica da súa obra en galego e en castelán, ademais de traducións en diferentes linguas estranxeiras ou unha compilación dos seus artigos xornalísticos.

A exposición, comisariada por María García Liñeira e Víctor Freixanes, inclúe un espazo escenográfico realizado por Rodrigo Roel, que reproduce o estudio no que traballaba Cunqueiro nos anos 50 no seu Mondoñedo natal.

'No niño novo do vento' xa se expuxo en Mondoñedo, Santiago de Compostela; Ourense e Lugo. Tras o seu paso por A Coruña, visitará Pontevedra, Ferrol e finalmente rematará en Vigo a finais de ano.

                                                                                           Galicia Hoxe 8-9-2011

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas