Blog da Biblioteca do IES de Curtis: A prensa en galego

23/9/11

A prensa en galego


 A diversidade informativa convértese día a día nunha utopía en Galicia.  O día 19 de setembro  Xornal.com anunciou que  rematará  a súa andaina na prensa dixital  a finais deste ano. A edición en papel desaparecera o pasado mes de agosto. A última novidade é o adeus do histórico semanario A Nosa Terra na rede ( o peche do diario en papel xa se producira o  pasado ano)  . Reproducimos as palabras do seu director, Afonso Eiré:

Cento catro anos despois, un novo, até logo
 " Todo proxecto xornalístico ten unha empresa detrás. Os problemas económicos obrigan a liquidar Promocións Culturais Galegas S.A.
O esforzo denodado e o apoio de moitos, o alento dun gran número de galegos (moitos deles desde a emigración), chocaron non só contra a realidade económica da crise senón tamén contra a transformación que están a vivir o conxunto dos medios de comunicación.
Como xa catro veces antes, ao longo dos seus 104 anos de vida, a desaparición da empresa non ten por que supor a desaparición do proxecto, pois non é unha aposta empresarial, senón un proxecto de país.
Así que, unha vez máis, o proxecto de A Nosa Terra ficará conxelado.
Sabemos que algún día -agardamos que antes ca despois- renacerá coa mesma ilusión e con máis forza. Coa forza dunha nación que necesita unha voz propia.
Preservar o proxecto foi a nosa maior preocupación nos últimos tempos.
As outras foron que os traballos realizados, tanto no campo xornalístico coma no editorial (máis de 1.200 libros editados, ducias de exposicións e proxectos realizados), sigan tendo a presenza que se merecen conforme á súa vixencia e utilidade social. Apostamos porque o publicado no semanario e no xornal sigan estando na rede e os libros nas librarías.
Xa que logo, só queda dar as grazas aos máis de 10.000 subscritores, aos case mil accionistas, aos máis de 500 colaboradores, aos integrantes dos distintos consellos de administración, a ducias de traballadores e a todos os que, dun xeito ou doutro (de moitos xeitos e maneiras, moitas as máis das veces anonimamente), fixeron posíbel está xeira de A Nosa Terra que comezara en 1977 e que ninguén agardaba fose tan longa e frutífera.
A todos, moitas grazas e até sempre."

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas