Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Visitas á biblioteca escolar

6/10/11

Visitas á biblioteca escolar

Visitas á biblioteca escolar dos alumnos de primeiro curso da ESO



Un ano máis os alumnos e alumnas de primeiro curso visitaron a biblioteca do centro nunhas sesións orientadas cara a formación de usuarios. A idea destas charlas é dar a coñecer aos novos alumnos e alumnas a situación da biblioteca, os materiais dos que dispón, a súa organización espacial na sala, o sistema de clasificación e ordenación, os servizos que oferta (sala, empréstito a domicilio, acceso a internet, mediateca, etc.).

Tamén se falou da función das bibliotecas na sociedade, na evolución destas cara a un novo concepto: o de mediatecas, centros de recursos para a formación, a información e o tempo de lecer, onde os novos soportes e medios de transmisión da cultura e do coñecemento están cada día máis presentes.

A sesións, duns cincuenta minutos de duración, foron coordinadas dende o equipo de biblioteca, contando coa colaboración do resto de profesores e do técnico en biblioteconomía que colabora co centro. A principal sorpresa foi descubrir que a maioria dos rapaces e rapazas que acudiron xa eran usuarios habituais da biblioteca, a pesar de levar pouco tempo no instituto. Toda unha inxección de ánimo para o equipo que participa e colabora no proxecto de biblioteca de centro.

Cara ao vindeiro trimestre, estas sesións complementaranse con novas charlas, dirixidas aos alumnos e alumnas de primeiro ano, onde se mostrará en profundidade o catalogo on-line do Proxecto Meiga e como procurar materiais nel, para logo localizalos autonomamente na sala. Tamén se organizarán sesións dirixidas ao resto de niveis académicos, con actividades de procura documental empregando as ferramentas que a biblioteca do centro pon a disposición da comunidade educativa.

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas