Blog da Biblioteca do IES de Curtis: 25 anos de Polaroid

7/11/11

25 anos de Polaroid

Cúmprense 25 anos da publicación da obra de Suso de Toro. Con este motivo a editorial Xerais organiza un acto literario no IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela) o vindeiro xoves, 10 de novembro. O obxectivo desta actividade non é outro que o de lembrar un libro que supuxo unha ruptura co concepto de obra literaria vixente na época.
Suso de Toro foi descubridor para a literatura galega dun modo novo de narrar que admitiu todo tipo de rexistros, e introdutor da voz dos máis desfavorecidos da sociedade. É a chamada narrativa urbana e experimental que se caracterizou pola experimentación formal e a exploración de mundos narrativos infrecuentes nas nosas letras (marxinalidade urbana) influídos en maior ou menor grao por tendencias contraculturais. Apareceron novos rexistros lingüísticos, unha linguaxe denominada polo propio autor “chatarra lingüística”, en contraposición á tradicionalmente prestixiada linguaxe literaria.
Polaroid (1986), Premio da Crítica  Galicia do ano 1987, foi un claro exemplo desta tendencia. Un “clásico” das nosas letras que non debemos esquecer.

Máis información sobre o tema e as impresións sobre o libro do propio autor aquí.

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas