Blog da Biblioteca do IES de Curtis: A cultura galega viaxa a México

28/11/11

A cultura galega viaxa a México


Unha delegación de editores e escritores galegos atópase na cidade mexicana de Guadalaxara para participar na Feira Internacional do Libro, que comezou o pasado 26 de novembro e prolongarase ata o 4 de decembro. Agustín Fernández Paz, que o martes recibirá o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil; Rosa Aneiros e Marcos Calveiro, son os autores que protagonizan as principais actividades, especialmente con público escolar.
Así, manterán diversos encontros con integrantes de clubs de lectura que "previamente estiveron traballando" coas súas obras, sinalou Rosa Aneiros, e con estudantes de distintas idades. O acto principal celebrarase o xoves 1 de decembro, cando Rosa Aneiros e Marcos Calveiro recibirán a un grupo de nenos e nenas indíxenas da Serra de Durango, na zona centro-occidental do país, lindante co estado de Jalisco.
Trátase de mozos tepehuanos do norte, unha das máis de 60 etnias existentes en México que, segundo destacou Rosa Aneiros, "reciben unha educación bilingüe" tanto en español como na lingua autóctona. "Será interesante explicarlles que hai outros lugares onde tamén se fala e estúdase nunha lingua propia", sinalou a autora, en alusión ao galego.
En canto a Agustín Fernández Paz, será entrevistado pola propia Rosa Aneiros nun encontro denominado 'O pracer da lectura', que se celebrará o mércores día 30. Ambos, xunto con Marcos Calveiro, participarán ao día seguinte nunha mesa redonda coa lema 'Voces de Galicia'.



 Fonte: laopiniónacoruña.es 28-11-2011

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas