O pasado 4 de xaneiro cumpríronse cen anos do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, escritor, político e un dos máximos expoñentes da nosa poesía social.
Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979) iniciou desde moi novo unha actividade política e literaria que estaría sempre marcada polo compromiso co país. Cando estalou a guerra foi obrigado a se incorporar ao exército franquista. Condenado a morte por un artigo publicado nunha revista que el mesmo dirixía, a súa familia consegue o indulto. No tempo que estivo na cadea escribe o poema Longa noite de pedra, núcleo central do libro do mesmo título do que se cumpren cincuenta anos da súa publicación. O título da obra converteuse en símbolo da loita contra a ditadura franquista.
Para conmemorar este Ano Celso Emilio Ferreiro programáronse unha serie de exposicións, edicións de libros, concertos e outras actividades destinadas a todos os públicos e a todos os sectores da poboación galega, para pór de manifesto a vixencia dunha obra imprescindible da literatura e da poesía dun dos escritores máis representativos do século XX galego. O programa de actos comezou coa iniciativa ‘100 poemas para lembrar a Celso Emilio’, unha actividade desenvolvida pola Xunta que consistirá na exhibición de mostras da súa poesía nos escaparates de cen establecementos públicos e privados de Celanova, durante todo o ano 2012. Contará asemade cunha exposición interactiva centrada na súa vida e na súa obra, que percorrerá o territorio da comunidade en itinerancia polas bibliotecas e os centros escolares de Galicia.
Dende a Biblioteca Sarmiento damos a benvida a este ano Celso Emilio e agardamos poder contribuír á difusión da súa obra coas nosas pequenas achegas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario