Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Xosé María Díaz Castro, Día das Letras Galegas 2014

22/6/13

Xosé María Díaz Castro, Día das Letras Galegas 2014

A Real Academia vén de anunciar quen será o autor ao que se lle dedicará o Día das Letras Galegas do 2014. O poeta Xosé María Díaz Castro, nado en Parga (Guitiriz) en 1914, e do que o vindeiro ano tamén se celebrará o centenario do seu nacemento, será o  homenaxeado.

Formado no seminario de Mondoñedo (Lugo), aínda que non chegou a ordenarse, a súa poética clásica reflexiona sobre a existencia do ser humano, a relixión e a natureza. Díaz Castro abandonou o seminario en 1936, meses antes do comezo da Guerra Civil, e pasou a exercer entón como profesor de Ensino Medio en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Posteriormente licenciouse en Filosofía e Letras e en 1948 trasladouse a Madrid, onde seguiu dando clases e desenvolveu tamén un intenso labor como tradutor. Consagraríase como poeta en 1961 coa publicación do seu único libro, Nimbos, que  xa está considerado un libro clásico da poesía galega. Foi autor dun dos poemas máis significativos da historia da nosa literatura, "Penélope" .

 Para Ramón Villares, académico e presidente do Consello da Cultura, é necesario ter en conta na traxectoria de Díaz Castro, ademais da poesía, «o seu traballo de tradución que, fóra do profesional, significou levar a outros idiomas a obra doutros poetas galegos». Neste sentido, engadiu Villares que a actitude do poeta que será protagonista no 2014 das Letras Galegas foi a dunha xeración que non só consideraba que calquera que comezase a escribir en galego «era un triunfo para a lingua, senón que tamén entendían a necesidade de chegar a outras linguas, eran sensibles á difusión internacional da cultura galega».

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas