Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Premio Nacional de Poesía

12/10/13

Premio Nacional de Poesía

 

Comezamos curso cunha boa nova para as letras galegas. O poeta Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932)  vén de ser recoñecido co Premio Nacional de Poesía 2013 pola súa obra Os ángulos da brasa.        
 O premio concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte  recoñece a calquera poeta dunha das linguas oficiais no Estado. Esta   é a primeira vez que se concede a unha obra escrita en galego.
 
 O poemario Os ángulos da brasa , editado por Faktoría K de Kalandraka, recibiu, entre outros galardóns, o Premio da Crítica Española, o da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o Anxel Casal da Asociación Galega de Editores.
 

 O autor  está considerado unha das voces máis sólidas da poesía contemporánea.   A súa traxectoria está caracterizada pola  discreción e pola pouca participación en acontecementos literarios. Despois de traballar moitos anos como xornalista, Torneiro deu a coñecer o seu primeiro poemario cando tiña xa cincuenta anos e publicou Memoria dun silencio. Na obra premiada afonda  nunha poesía na que sobrancean as emocións interiores, a evocación de momentos cotiáns que  toman forma poética.
 
 Xosé Manuel Eiré, crítico literario que formou parte dun dos xurados que premiou a Torneiro, apuntou no seu blogue  Ferradura  que  Os ángulos da brasa: “…É un poemario extraordinario, un poemario que logra ser emotivo sen deixar de ser reflexivo, unha ollada sobre a vida desde a altura dos anos e da experiencia, sobre a vida e o ser humano".
 
 Parabéns ao autor e á cultura galega!
 
 
 

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas