Blog da Biblioteca do IES de Curtis: ENCONTRO CON TUCHO CALVO

27/3/14

ENCONTRO CON TUCHO CALVO



Dentro do marco da nosa Semana Cultural tivemos a oportunidade de escoitar e charlar co xornalista, editor e escritor Tucho Calvo. Acudiu á nosa biblioteca para falarnos da tarefa creativa e da súa novela Formigas. Deixámosvos aquí algunhas das nosas impresións sobre esta actividade:
- Chamounos a atención que comezase léndonos un relato de Rafael Dieste, pertencente á obra Dos arquivos do trasno, co que nos mergullou na temática do suspense e do medo.
- Non pensabamos que a creación literaria esixise un traballo de investigación e documentación previos: no caso de Formigas, foi moito o que tivo que ler sobre estes insectos para construír un relato coherente arredor do comportamento destes animais. Coidabamos que ser escritor era moito máis sinxelo!
- Impactounos a información que nos deu sobre a maneira de actuar das formigas, especialmente aqueles datos relativos á súa agresividade e capacidade de traballo e organización.
- Resultou interesante oírlle contar como a súa adicación ó periodismo lle serviu de base para crear o espazo no que se desenvolve a novela: inspirouse nunha aldea que visitou hai anos para cubrir a noticia dun parricidio.
- Das respostas que deu ás preguntas que lle formulamos recordamos especialmente aquela na cal nos explicou que escribía, sobre todo, porque lle gustaba e  porque lle compracía ver como os personaxes cobraban vida e ían decidindo a historia por si mesmos.



Grazas, Tucho, por permitirnos aprender tantas cousas, sen libro e sen caderno!

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas