Agustín Fernández Paz é un dos escritores máis representativos da literatura
galega. Nado en Vilalba no 1947, traballou ao longo da súa vida como profesor
de primaria e de Lingua e Literatura en secundaria ata a súa prexubilación no 2008. É autor de
libros de texto e de numerosas obras de literatura infantil e xuvenil.

A historia está narrada en terceira persoa e ambientada
nunha cidade de tamaño medio na época na que os cines locais van perdendo pouco
a pouco a súa importancia en favor dos centros comerciais; é dicir, é unha historia de actualidade. Quizais, o
máis característico da mesma sexan as constantes referencias ao cine, aos
grandes filmes estreados durante os últimos anos, que veñen completados cunha
ficha técnica de cada un deles ao final do libro. Por todo isto, poderiamos
dicir que se trata dunha obra de especial interese para aquelas persoas ás que
lles guste o mundo do cine. Pero non é unha historia dedicada en exclusiva aos
afeccionados ao cinema, a gran maioría da poboación podería sentirse
identificada coas vidas dos protagonistas. Podemos dicir que esta historia foi
escrita por Agustín Fernández Paz cunha intención ben clara: facer unha
denuncia das desigualdades sociais do momento, recorrendo perfectamente á
metáfora da transparencia dos corpos para representar á clase marxinada e
excluída á que ninguén escoita. En definitiva, podemos dicir que Fantasmas de luz é un libro para todos.
Para min, debería ser unha das obras máis relevantes dos nosos días, por estar
máis vixente do que moitos podemos chegar a pensar e por facer reflexionar ao
lector sobre un mundo no que resulta máis complicado do que debería que certas
persoas se fagan notar e poidan sentirse parte dunha sociedade na que,
teoricamente, todos os individuos somos iguais.
SONIA
LÓPEZ VÁZQUEZ. 2º BACH B
No hay comentarios:
Publicar un comentario