Blog da Biblioteca do IES de Curtis: MÁIS CONTOS DE MEDO

9/11/14

MÁIS CONTOS DE MEDO





O misterioso veciño
Hai uns días mudeime a un piso de aluguer no centro. Os veciños eran demasiados antipáticos e maleducados para o meu gusto, pero tampouco pasaba moito tempo na casa, polo que non me importaba. O único que coñecín foi o da porta de en fronte. Coincidimos varias veces baixando o lixo e trabamos amizade, pero a verdade é que tiña  comportamentos estraños. Intentei preguntarlles aos demais veciños, pero só me contestaban con insultos ou simplemente me ignoraban.
Un día veu o meu caseiro e pregunteille. El respondeume:
- No piso de enfronte non hai ninguén, asasinaron ao seu propietario e dende entón está baleiro..
- Pero eu falo co seu inquilino case todos os días- contesteille.
- Imposible- e marchou sen poder dicirlle nada máis.
Nos días seguintes comecei a sentir ruídos raros no piso do lado. Ao principio pensei que sería froito da miña imaxinación porque non sabía nada sobre o suposto veciño, pero cada vez facíanse máis evidentes. Un día, ás sete da mañá, cando saín para ir  traballar, encontrei a súa porta aberta e as luces todas acesas. Pensei que lle pasaría algo, porque non era normal que se levantara a esa hora. Entrei amodo, e todo o que puiden ver antes de esvaecerme foi ao meu veciño cun coitelo cravado no peito.


Paula Roade (3º ESO A)


Lóstregos na Costa do Sal
Era unha noite de néboa e ía viaxando cara a Betanzos. Ben, mellor comezo dende o principio.
Ola, chámome Pepa e teño once anos, pero non creo que iso sexa un dato importante. A miña irmá ten sete anos e soamente se preocupa do seu aspecto, dálle igual o que lles ocorra aos demais; á miña nai nin sequera a vexo en todo o día; o meu pai só sabe contar chistes malos e levar a miña irmá de compras. Total, que só quedamos eu e o meu avó Pepe, a persoa da que provén o meu nome.
O meu avó ten unha enfermidade relacionada coa memoria. Miña nai non sabe que facer con el, xa que é o seu pai e non o quere levar a unha residencia, pero ela di que “non ten outra opción”. Pero a ela que máis lle dá, se nin sequera o ve en todo o día!
Cando eu e o meu avó quedamos sós na casa imos no coche do meu bisavó, porque aínda que  agora non ten carné, acórdase de como se conducía. Prometeume que cando cumprira os doce anos me ensinaría a conducir.
Hoxe é o meu cumpre, e si, hoxe aprenderei a conducir. O meu avó veume espertar ás once e media, e díxome: -Estás preparada Pepiña? Non mo podo crer. O meu avó lembrouse do meu aniversario!
Cando arrancamos eran as dúas menos cuarto do mediodía. Non puiden comer coa ansia. Agora son as dez e vinte da noite e acabamos de ter un accidente. Penso que a imaxe que acabo de ver quedarame gravada na memoria para sempre. Estaba chovendo a cántaros e víanse claramente os lóstregos iluminando esta noite de Nadal. Eu non distinguía en absoluto a rúa, só recordo que iamos de camiño a Betanzos, ou sexa, que  imaxino que estabamos pasando pola Costa do Sal. Cando saímos do coche atopei ao meu avó moi raro, non falaba, non me miraba á cara, só camiñaba cara aos montes da zona. Eu seguino, non quería quedar alí soa.
Cando chegamos a unha cova na que había unhas imaxes, o meu avó, de novo, parouse e xirouse. O último que recordo é que tiña a cara completamente desfigurada. Abriu a boca e nela tiña sangue, como no resto da súa cara. Agora nin sequera sei onde estou. Só vexo unha luz.
Marina Miraz Amenedo (3º ESO A)


No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas