Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Teatro e cinema

8/2/15

Teatro e cinema



O pasado 27 de xaneiro o departamento de Lingua Galega organizou unha saída a Santiago de Compostela para o alumnado de segundo ciclo  da ESO.

Acompañados por catro profesoras,  asistimos a unha representación a cargo da compañía de teatro Thalía. A obra,  Bicos con lingua, era  unha reflexión en clave de humor sobre  a realidade do galego.  Presentaron diferentes situacións da vida cotiá nas  que  deixamos de falar a nosa lingua cando cremos que non ten o suficiente prestixio para tratar co noso interlocutor, por pensar que o castelán  é máis fino ou para parecer máis cultos.  O obxectivo da obra é facernos reflexionar sobre a riqueza da nosa cultura e o fermoso léxico que posúe a nosa lingua e que recolle, basicamente,  a nosa identidade.
Logo de saír do teatro, desprazámonos  á Cidade da Cultura. Alí puidemos contemplar unha interesante exposición, Cinegalicia25 que  conmemora o vinte e cinco aniversario da estrea das  consideradas como as tres primeiras longametraxes de ficción galega: Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, Continental de Xavier Villaverde e Urxa de Carlos A.L. Piñeiro e Alfredo García Pinal. Explicáronnos a traxectoria da televisión e do cinema nos últimos vinte e cinco anos como parte da nosa cultura. Ademais das longametraxes mencionadas atopamos paneis audiovisuais sobre A lingua das bolboretas, Pradolongo. O Apóstolo…Tamén tivemos a oportunidade de acceder a información sobre  series televisivas como Pratos
combinados, Matalobos ou O Faro, entre moitas outras.  A algúns ata nos deu tempo a fotografarnos cos famosos… 

                                                                                    
                                                                                                        
Brenda Pérez Rodríguez 4º ESO B

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas