Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Encontro literario con Marcos Calveiro

14/3/15

Encontro literario con Marcos Calveiro

O pasado catro de marzo os alumnos e alumas de 2º ESO tivemos connosco a Marcos Calveiro, o autor de Palabras de auga.
Encargouse da súa presentación José Manuel López Varela que foi agasallado cun sonoro aplauso.
Comezou a súa intervención cunha presentación coa que nos foi explicando polo miúdo algúns dos aspectos tratados na obra. Por exemplo, contounos que este libro nacera a raíz dunha imaxe que vira, na que unhas mulleres lles quitaban o alimento ás formigas para alimentar os seus fillos, e que iso o desacougara moito.
Falounos dos nenos escravizados nas minas de coltan, das condicións infrahumanas nas que se desenvolve o seu día a día para que nos poidamos cambiar de teléfono móbil a cada pouco.
Tamén dos nenos soldado e como moitos deles son obrigados a cometer tales barbaridades que acaban por ser irrecuperables, como acontece con Numba, un dos personaxes de Palabras de auga.
Relatounos a longa viaxe ao longo de África que teñen que facer algúns para non morrer de fame pero, ao chegar, a Melilla atópanse coas coitelas que lles impiden o paso.
Soubemos que a tribo do libro non é real, senón inventada polo autor, pero si os costumes que aparecen reflectidos. Falounos dos masai, das súas excelentes cualidades físicas e de como son os seus poboados.
Logo, as rapazas e rapaces tivemos ocasión de  formularlle as nosas preguntas e aclarar algunha que outra dúbida. Confesounos que é unha persoa completamente namorada do seu traballo, á que lle encanta ler e, como non, escribir.
Considera que a literatura infantil e xuvenil galega é a mellor de toda España e está á altura de calquera literatura europea. Segundo el, autores coma Xabier P. Docampo ou Agustín Fernández Paz abríronlle o camiño á literatura galega e escritores novos coma el simplemente van detrás. Foi unha grande honra para el que esta obra figure nas listas de honra do IBBY.
Para rematar recomendounos ler un libro de Janne Taller, Nada, prohibido en moitos países. Haberá que lelo, ou  vós que pensades?
Foi todo un pracer escoitalo e conversar con el. Moitas grazas,  Marcos!

Lucía Pérez López, 2º ESO A

















No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas