Blog da Biblioteca do IES de Curtis: II CERTAME ESCOLAR DE BLOGS DO IES DE CURTIS

24/4/15

II CERTAME ESCOLAR DE BLOGS DO IES DE CURTIS


 O ENDL do IES de Curtis convoca o II Certame Escolar de Blogs cos seguintes obxectivos:
  • Valorar a importancia dos blogs como ferramenta didáctica para o desenvolvemento de contidos curriculares e a súa utilidade para a motivación do alumnado.
  • Fomentar o emprego activo das TICs e a creación de espazos que favorezan asociacións positivas para a lingua.
  • Estender o uso da lingua galega na rede.
  • Promover o coñecemento de distintos aspectos da cultura galega, en especial os relacionados co ámbito do lecer.
  • Complementar a formación académica do noso alumnado con contidos que contribúan á súa inserción no mundo laboral.
  • Procurar a formación continua e a colaboración educativa entre pais, nais, profesorado e persoal non docente do IES de Curtis.

BASES
DESTINATARIOS
Calquera membro que pertenza á Comunidade Educativa do IES de Curtis durante o curso académico 2014-2015. 

FORMACIÓN
1. Se houber demanda, realizaranse xornadas de formación fóra do horario lectivo.
2. A asistencia ás xornadas de formación non é obrigada para concursar no certame, pero todas as persoas que asistan deberán necesariamente presentar un blog.

REQUISITOS
1. A lingua empregada na redacción dos blogs será a galega.
2. Os blogs poderán realizarse de maneira individual ou en grupo.

TEMÁTICA
A temática é libre, pero valoraranse positivamente aqueles blogs que dean a coñecer aspectos da cultura galega e desenvolvan contidos relacionados co ámbito do lecer e as preocupacións da xente nova: música, literatura, arte, ciencia, patrimonio, audiovisual, medioambiente, voluntariado, asociacionismo cultural, novas tecnoloxías, graffiti, banda deseñada, deportes, motor, videoxogos...

INSCRICIÓN NO CONCURSO
Realizarase durante o mes de abril nun espazo que, con tal fin, se habilitará no blog Son de noso. O autor ou autora deberá cubrir un formulario no que indique o seu nome e apelidos, o curso ou estamento ao que pertence no seo da Comunidade Educativa e a URL (enlace) do seu blog.
Os traballos faranse públicos o 17 de maio, Día das Letras Galegas e da Internet, en Son de noso (http://sondenoso.blogspot.com.es/). Ata ese momento os autores e autoras deberán alimentar o seu blog que terá que conter un mínimo de oito entradas. 

PREMIO
Concederase un único premio consistente nun Tablet para o mellor blog presentado polo alumnado. 

CRITERIOS DE VALORACIÓN
Teranse en conta os seguintes criterios:
  • Calidade lingüística
  • Interese dos contidos
  • Deseño e orixinalidade
  • Inclusión de contidos propios
  • Actualización e número de entradas
  • Recursos e enlaces de interese relacionados co tema elixido
  • Aproveitamento das posibilidades que ofrece o blog: inserción de textos orixinais, vídeos, imaxes, audio...
  • Participación e comunicación coa comunidade virtual (seguidores, difusión nas redes sociais, comentarios, visitas...)
Descualificaranse os blogs que conteñan insultos, contidos discriminatorios e /ou linguaxe non adecuada.
Penalizaranse, así mesmo, as malas prácticas; entre elas, a non inclusión das fontes das que se extraen imaxes e información. 

 XURADO
Estará formado por membros do ENDL, profesorado de Informática do centro e un blogueiro/a de recoñecido prestixio.
A súa valoración suporá un 60% da puntuación total. O 40% restante será outorgado pola comunidade virtual que votará os blogs presentados dende o 17 de maio ata o 31 do mesmo mes.
O fallo farase público na primeira semana de xuño e o premio será entregado polo blogueiro/a convidado.


No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas