Blog da Biblioteca do IES de Curtis: O VIXÍA NO CENTEO

3/4/16

O VIXÍA NO CENTEO



Jerome David Salinger naceu en 1919 en Nova York, onde viviu a maior parte da súa vida. Un desgraciado matrimonio cunha europea e a súa  participación nalgunha das batallas máis sanguentas da Segunda Guerra Mundial provocaron que o autor non albergase sentimentos moi positivos sobre a súa vida. O resultado dese encontro coa crueldade do mundo empurrouno a escribir O vixía no centeo, publicado en 1951 e considerado o libro máis lido da historia americana despois da Biblia.

Holden Caufield é un adolescente rico que vai a unha prestixiosa escola en contra da súa vontade. Ten unha visión moi particular da vida: cruel, falsa e aburrida. A morte do seu irmán Allie deixa unha pegada inesquecible na súa alma. Séntese o peor membro da súa familia. Rebélase contra o mundo exterior mergullándose nunha burbulla. En realidade, o seu maior temor é deixar de ser un neno. Interésalle o mundo adulto, aínda que o considera hipócrita. O feito de sentirse tremendamente incomprendido lévao a marchar a Nova York fuxindo do internado do que foi expulsado nun afán de coñecerse a si mesmo e ver a súa irmá Phoebe. Ela é a única que ve máis aló das aparencias e quen  consegue finalmente o imposible: facerlle sentir a Holden que aínda hai alguén que o necesita. 
 
O protagonista sarcástico, rebelde, infantil e maduro, sensible, perspicaz, melancólico, crítico, adolescente… condúcenos ata ese subterráneo Nova York da posguerra, facéndonos ver que faltaban moitas luces para un mundo aínda en sombras. Holden achégase ao corazón do deportista americano  ao que só lle interesa a popularidade e a relación sexual (Stradlater, o seu compañeiro de cuarto, porco por fóra e por dentro, símbolo maldito da banalidade amorosa). Outros personaxes son a típica moza bonitiña pero non moi lista (Sally) ou o nerd rechazado por todos (Ackley, o rapaz tan laretas e arrogante como antisocial ). Encaixa tamén no libro o lobo solitario ao que lle doe o mundo e rexeita mesturarse nel, representado polo propio Holden. Aparecen o adulto hipócrita de clase media (Maurice), a rapaza rara e intelixente, esquecida polo mundo (Jane, o seu primeiro e único amor de verdade), os pais inconscientes dos problemas dos seus fillos e, finalmente, os profesores que aplican o estipulado sen contar coa aceptación do alumno. Holden admira o coñecemento pero non a forma na que se presenta a educación, cre na relixión mais non nos intermediarios de Deus... A súa visión da vida concorda co seu desexo de ser un vixilante eterno de nenos aínda inocentes (coma Phoebe,  súa irmá) para que xamais se volvan hipócritas adultos. De feito, é un personaxe tan sensible, que sente como un amante cortés buscando o amor como motor de todo ser humano. Porén, nel a cousa tórcese e só consegue que o desprecen unha e outra vez. O amor de Holden lévao continuamente ao desastre: agrídeo unha prostituta, a súa moza afástase del, o seu amigo intenta liarse coa súa mellor amiga, seu irmán morre de leucemia... O pobre Holden acaba trastornando a súa personalidade e odiando ao mundo. Así, apártase de toda relación social, illándose nunha burbulla eterna para contemplar o paso do tempo, intentando que o mesmo non pase por el e se converta nun adulto máis. 
 
En resumo, este libro é unha marabilla escrita a base de palabras malsoantes, frases feitas, epítetos e repeticións, mostra en si da capacidade de Salinger para converterse por un tempo nun adolescente. A difícil vida de Holden presenta unha orde impecable. É máis, para estar escrito nos anos cincuenta é unha obra tan real que case podemos palpar o sufrimento do protagonista  nun banco de Central Park ou ir con el  ó cine os domingos..

Esta obra paréceme unha confesión apaixonada da transición entre a adolescencia á madurez por un neno que só pide sobrevivir ao mundo.
                                                                      
Boa narración, bo tema, e un incríbel Holden Caufield.

                                         Victoria Iglesias 1º Bach C





No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas