Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Día das Letras Galegas

17/5/16

Día das Letras Galegas


O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Aínda que a data exacta de publicación do libro se descoñece, foi  ese día cando Rosalía asinou a dedicatoria da súa obra á escritora Fernán Caballero. 

En 1963, tres membros da Real Academia Galega (Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego) presentaron nesta institución a proposta de celebrar o 17 de maio para recoller o "latexo material da actividade intelectual galega". Podemos afirmar,  case con seguridade, que Rosalía de Castro nunca puido imaxinar a importancia que a súa obra ía ter na historia da nosa literatura nin que esa data sería lembrada ano tras ano para simbolizar o recoñecemento e a necesaria valoración dunha cultura, dunha lingua e dun pobo. A institucionalización da celebración do Día das Letras Galegas abriu a porta ao coñecemento e ao recoñecemento de figuras da nosa literatura.





Este ano o escritor homenaxeado é o chairego Manuel María.  No día grande da nosa cultura recollemos un fermoso legado onde o poeta reflexiona sobre o poder e a transcendencia da poesía. 
Feliz Día das Letras a todos e a todas!






                 O poema

Un poema é un ser vivo que anda,
respira, soña, chora, salouca,
ama, berra, cintila, escurece,
cala, aborrece a mentira,
sente odio e tenrura, desángrase,
fala de intimidade a intimidade
coas cousas e coa xente, suxire
mundos posíbeis e imposíbeis,
sua, cansa, sofre sede e fame,
adoece, agoniza.

E nunca morre.



                A luz resucitada (1984)





No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas