Blog da Biblioteca do IES de Curtis: Visita á Casa Museo de Manuel María e ao Museo Provincial de Lugo

2/5/16

Visita á Casa Museo de Manuel María e ao Museo Provincial de Lugo


 
O pasado 18 de abril a rapazada de 1º ESO foi de excursión a Lugo. Velaquí a crónica da viaxe e a reportaxe fotográfica.


Na primeira parte da mañá visitamos a Casa Museo de Manuel María, chamada Casa de Hortas. Alí, un guía falounos de distintos aspectos da vida e da obra deste autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras. Ademais fixemos unha visita guiada pola casa na que naceu o poeta e que foi recentemente restaurada. Alí chamounos a atención que había poemas impresos polas paredes e nas contras dunha ventá. Tamén visitamos o cemiterio onde está enterrado o escritor e alí recitáronse poemas. Asemade, a outra metade do grupo fixo unha pequena ruta ata a beira do río.

Na segunda parte da mañá desprazámonos ata a cidade de Lugo para ver o Museo Provincial. Alí fixemos unha actividade relacionada cun libro que estivemos lendo e comentando nas clases de Lingua: Contos do Museo. Son catro relatos de temática misteriosa que se desenvolven en maior ou menor medida no citado museo. Algúns dos seus autores son tan coñecidos como Agustín Fernández Paz ou Xabier Docampo. A actividade consistiu en responder unha serie de cuestións relacionadas cos contos ou con obxectos do propio museo. Dividíronnos en catro grupos e a cada un asignáronnos un conto. A partir deste momento buscamos por todo o museo as respostas e cando rematamos reunímonos para facer a posta en común e o reconto das acertadas. Foi unha actividade moi entretida. Mágoa que xa era hora de volver á casa e non nos deu tempo a ver con máis detemento o museo!


Visita á Casa Museo de Manuel María e ao Museo Provincial de Lugo on PhotoPeach

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas