Blog da Biblioteca do IES de Curtis: 24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS

24/10/16

24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS


     Celebramos, non só hoxe, senón a cotío, a fortuna de ter no noso centro ese pequeno tesouro que é a biblioteca, e que nos permite non só traballar mellor, senón tamén gozar dos momento de lecer
cun libro na man...

Se aínda non o descubriches..


    ABRE AS PORTAS e entra. Entra neste espazo que agarda por ti, neste ámbito onde cada palabra é un don que recibimos como agasallo. Percorre todos os recantos desta casa da liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo río de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca.

   Estamos nun lugar especial, sería imposible confundilo. Desde o ceo debe de verse como un punto de luz brillando coa intensidade maior, como un aleph que contén a memoria e os soños da humanidade. Unha luz, si. Unha luz que escintila coma un faro entre as tebras, co rítmico latexar dun corazón inmenso que expande ondas de liberdade e de esperanza polo territorio que a circunda. Quizais poderiamos seguir vivindo se nos faltase este aire que fai vibrar todas as células do noso corpo, se cadra as persoas continuariamos coa nosa existencia rutineira se non existise a biblioteca, mais algún lugar decisivo ficaría baleiro no noso corazón.



    Faltaríanos a enerxía que nos fai desexar unha vida mellor, unha cidadanía máis libre, unha sociedade máis xusta. Doeríanos non escoitar a voz das persoas que sufriron a historia e a das que a sofren agora mesmo; sería insoportable oír só as palabras dos que tentan dirixir e controlar as nosas vidas.


    Para que isto non suceda, abre as portas e entra. Ábreas sempre, todas as portas, pois cada vez que o fas incorpóraste ao río subterráneo que alimenta a biblioteca, ao torrente de liberdade que a fai vivir e lle dá azos renovados.

   ABRE OS LIBROS e mergúllate na auga da vida que abrolla irreprimible desde as súas páxinas. Déixate arrastrar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes. Non esquezas nunca o abraio que experimentamos nos anos da infancia, cando se nos revela a dimensión máxica que teñen as palabras e descubrimos que as páxinas dos libros poden conter o mundo enteiro.

   Como as labregas que se afanan na rebusca de espigas entre os regos despois da ceifa, tamén os escritores recollen as palabras unha a unha e elaboran con elas o humilde pan dos seus textos. Deste xeito fan que cheguen ata nós, sempre novas e sempre sorprendentes, pois os libros posúen a insólita capacidade de revivir e reinventarse en cada nova lectura.

   Podedes acceder ao resto do texto, creado polo insustituible A. Fernández Paz, no seguinte enlace:

http://www.cervantesvirtual.com/obra-visor/onde-hai-unha-biblioteca-hai-unha-luz/html/1c423b56-2706-11e1-b1fb-00163ebf5e63_1.html

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas