Blog da Biblioteca do IES de Curtis: AS AVENTURAS DE TOM SAWYER

19/12/16

AS AVENTURAS DE TOM SAWYER



  Inmersos na actividade frenética do final de trimestre (entre exames, traballos, cálculo de notas medias, boletíns de recomendacións lectoras para o Nadal…)  aproveitamos para reivindicar unha vez máis a lectura dos clásicos intemporais. Aquí vos deixamos unha recensión elaborada por Victoria Iglesias.

“Nunca permitín que a escola interferise na miña educación”, esta inesquecible frase pronunciouna o escritor americano  máis recoñecido do século XIX, Samuel Langhome Clemens, alias Mark Twain, autor de As aventuras de Tom Sawyer.

Poderíase  dicir que esa sinxela  cita reflicte o contido por excelencia da crítica social que envolve, ás veces disimulada e outras, pola contra, de xeito inquisidor,  cada novela do escritor,  facendo fincapé precisamente no espírito do incansable protagonista desta historia:  Tom Sawyer.
É aló polo ano 1876, en plena Guerra de Secesión americana,  cando se publica esta novela de aventuras ambientada nunha aldea imaxinaria de San Petersburgo, pretiño do río Mississippi. O autor aclara concienciudamente:  non é  unha obra só para nenos.  Así pois, afastados do desastre da guerra e a perda de valores humanos do imperialismo, protexidos pola casca da infancia, Tom e tantos rapaces da aldea, entre eles a súa irresistible amada, Becky,  o seu mellor amigo Joe Harper  e  o rebelde Huckleberry Finn, viven mil e unha aventuras na procura de cumprir os seus soños, afastados, por suposto,  de ríxidos valores morais e normas pétreas dos adultos que xa perderon toda condición de liberdade.
 A descrición dos raparigos da novela é unha mostra maxistral de todos aqueles que fomos nenos nalgún momento; a de todas as persoas do mundo sen importar condición algunha, nun reflexo de mención universal. Os desexos máis íntimos, as inquedanzas, o ánimo incorruptible cargado de fe e adoración, a  constancia e,  por último, a fonte inabarcable de soños  polos que loitar: o amor dunha rapaza, a liberdade do ser humano,  a procura dun tesouro que é a ilusión e finalmente, a xustiza que debe reinar para non perder o fío da crenza.
Ao mesmo tempo atopamos nestes rapaces tan ben entendidos, tan ben coñecidos por todos nós, unha crítica lixeira pero punzante da realidade que eles interpretan á súa maneira e que o lector adulto pode observar, non é a correcta. Tom e os seus amigos imitan o que ven, facendo en moitos casos unha interpretación inocente da realidade.  E por iso, os protagonistas son piratas que viven na liberdade máis plena, acampados a uns quilómetros da casa; son ladróns que rouban un anaco de touciño e morren de remorsos despois; son exploradores que se meten nunha cova para xogar ás escondidas. Porén, tamén vemos como loita a súa mente contra eses preceptos ilóxicos, ridículos nos que se sustenta a sociedade do momento e os cales eles mesmos cuestionan: escravitude, deshumanización e hipocrisía. No camiño da súa evolución persoal descobren que os negros poden ser bos e xenerosos se os tratan ben, que Huck, por vivir en semiliberdade, seguindo as súas propias normas é ignorado socialmente ata que demostra a bondade do seu corazón e de paso, se fai cun botín.
O mellor do libro é que todas esas ideas, todos eses prexuízos reinantes, se amosan en boca de nenos que loitan por seguir os seus soños, nun estado de ignorancia, de fantasía, de inocencia patriótica, esquecida na transición cara a madurez. Esta novela é en realidade, unha chamada á reflexión e á nostalxia perdida nun mar de fanatismo relixioso, indiferenza e violencia contra o que loitou Mark Twain toda a súa vida. Tamén aparecen constantemente, valores como optimismo e esperanza de cambio: vemos segundas oportunidades, loita e finalmente triunfo de Tom e Huck contra o malo do indio Joe, o achado do tesouro, a conquista do amor de Becky  e da aprobación xeral malia todas as loucuras deses galopíns dramáticos que embelecen a novela coas súas trasnadas.
Un gran libro dun grandísimo escritor, que soubo incluírme de forma inmellorable na rutina diaria da rapazada do Mississippi. Fun pirata, usureira, Robin Hood, ladroa, incomprendida e exploradora. Todos fomos moitas cousas, a maioría esquecidas, que podemos lembrar tan só indo á biblioteca e pedindo:  As aventuras de Tom Sawyer.
Quedemos reflexionando sobre esa frase tan preciosa de Becky:
“Tom, como puideches ser tan nobre?”

VICTORIA IGLESIAS 2ºBAC B

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas