Aprender a pensar coa biblioteca escolar" é o lema escollido para as bibliotecas no curso que acabamos de iniciar. O ilustrador Xosé Tomás, un vello coñecido do noso centro que nos marabillou hai uns anos cun obradoiro de banda deseñada, é o creador do fermoso cartel que nos acompañará neste ano académico.

Facemos nosas as palabras recentemente recollidas no blog de Bibliotecas Escolares, que resumen perfectamente o proxecto de Curtisbiblio:
Aprender a pensar a través dos contos, da tradición oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das lecturas de materiais de divulgación científica, a través das investigacións. Aprender a pensar co cine e coa música. Aprender a pensar a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades compartidas. Aprender a pensar baixo a guía e orientación dun profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e, tamén, da importancia de activar no alumnado os mecanismos; para desenvolver o pensamento complexo. Aprender a pensar nas clases de filosofía, pero tamén fóra das aulas regladas, onde a vida flúe en todo o seu misterio. A biblioteca escolar é un espazo privilexiado para que o alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca vivir.
No hay comentarios:
Publicar un comentario